A ASOCIACIÓN DE AMIGOS DO SAMAÍN REIVINDICA UN ANO MÁIS EN CEDEIRA O ESPÍRITU FAMILIAR E LÚDICO DA FESTA
O Samaín de Cedeira é un ano máis a volta ao de sempre, un costume xenuíno que xa existía en Galicia antes de que chegase o Halloween a misturar e confundir o seu sentido co dun entroido de vísceras e sangue. Desde a Asociación de Amigos do Samaín recordan que o auténtico espírito desta festa non vai máis aló dun xogo no que os nenos e as nenas collen cabazas e melóns para tallalos e chaman a mantela así, sen contaminala con disfraces.
Nese Samaín “que xa estaba inventado”, recordan desde a asociación, ten cabida unha saba branca para ir de pantasma ou a faciana ciscada de branco lembrando unha ánima, pero non outros disfraces de bruxas, zombies e outros personaxes. A asociación leva xa 34 festas ás costas e fai un chamamento á implicación da xente máis nova que garanta o relevo xeracional, así como da hostalería local.
Hoxe e mañá, día 1 e 2 de novembro, o Paseo da Mariña de Cedeira será o epicentro da festa. Alí estarán instaladas as carpas nas que se van celebrar, a partir das 17.00h o venres e das 17.30h o sábado, unha serie de obradoiros abertos a nenos e nenas. Os de hoxe venres serán de elaboración de zonchos e de creación de adornos para levar no pasarrúas. Terá lugar tamén, ás 20.00h, un contacontos no que “Iseo a moura” explicará como recibimos en Galicia a visita dos nosos defuntos.
Na tarde do sábado haberá obradoiros de tallado de cabazas e maqueado e estará aberta a exposición coas cabazas e melóns tallados, á que todo o mundo está invitado a contribuír coas súas obras. Haberá tamén unha merendola a base de bola de zucre e requeixo e funcionará unha “Casa das ánimas”.
Ás 20.30h comezará o pasarrúas “de pantasmas”, que partirá do mesmo paseo da Mariña e adentrarase polas rúas do casco vello. As luces estarán apagadas e o percorrido só estará iluminado coas candeas que leven algúns, polo que adoita ser un paseo cheo de sustos e risas, moi emocionante para a xente pequena.
Ao día seguinte, o domingo 3, chegará ao Auditorio Municipal a peza teatral “The Witch”, para o para público adulto. A compañía de Diana Sieira conta nesta montaxe a historia dunha muller acusada de meigaría na Idade Media. A función comezará ás 19.00h e as entradas custarán 2,5€.