Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

4.000 racións de percebes, pastelón e polbo á galega para servir na XVI Festa do Percebe da próxima fin de semana

4.000 RACIÓNS DE PERCEBES, PASTELÓN E POLBO Á GALEGA PARA SERVIR NA XVI FESTA DO PERCEBE DA PRÓXIMA FIN DE SEMANA

O Concello de Cedeira e a Confraría de Pescadores da localidade volven colaborar cara á celebración dunha nova edición da Festa do Percebe, a que fai o número dezaséis. A cita terá lugar a próxima fin de semana.

O programa mantén os contidos de pasadas edición: boas e abondosas viandas, actuacións musicais de moi diferentes estilos e ganas de pasalo ben. A explanada do porto pesqueiro acollerá a cita.

A festa arrincará o venres día 28 coa celebración da xa tradicional xornada de pesca infantil, que dará comezo ás cinco da tarde e que terá como referencia a zona portuaria. Todos os participantes recibirán diploma.

A actividade, tanto a do sábado 29 como a do domingo 30, estará centrada na exaltación do rei do marisco. A Confraría de Pescadores aportará os produtos a consumir e farase cargo das infraestruturas, incluída a carpa que acollerá o popular xantar. O pósito prevé a elaboración dun total de 4.000 racións, das que 1.800 serán de percebes, 1.200 de polbo á galega e as 1.000 restantes de pastelón de Cedeira (este último de sardiñas, bacalao e bonito). En ámbalas dúas xornadas, a degustación terá un horario continuado. O sábado, de 12.00 a 00.00 horas e o domingo, de 12.00 a 22.00 horas.

Pola súa banda, o Concello, ademais da publicidade, asume os gastos da contratación dos grupos musicais e dos inchables que se instalarán na praia de Area Longa para que os máis cativos tamén teñan o seu propio espazo. A charanga Santa Compaña amenizará o mediodía do sábado, mentras que pola noite actuará o grupo “Os Claretes”; e o domingo, Buxainas -nas horas centrais do día- e a Asociación As Aturuxeiras -ás 18.00 horas-. Todas as actuacións terán lugar na explanada do porto, na que hai unha amplia zona para os estacionamento de vehículos. Con todo, o Concello financiará este ano como novidade o funcionamento dun tren turístico para achegar aos visitantes desde a praza de Galicia ata o recinto festivo. Desta maneira, trátase de evitar problemas de desprazamentos e de tráfico pola estrada do porto.

Coincidindo coa Festa do Percebe arrincará o escaparate dixital do proxecto “O sentir mariñeiro”, unha iniciativa participada tanto o Concello como pola Confraría de Pescadores e financiada nun 75% con cartos da Unión Europa, a través do Grupo de Acción Costeira A Mariña-Ortegal. A partir de mañá, día 22, entrará en funcionamento a páxina web www.osentirmarineiro.com, na que se recollerán as experiencias turísticas que se están a levar a cabo no territorio en función da súa riqueza mariñeira. A Festa do Percebe é unha delas. Desde a Confraría local tamén se recorda que estará abierto ao público, ámbalas dúas xornadas e desde as doce do mediodía, o Museo Mares de Cedeira, que nestas datas celebra o seu primeiro aniversario. O museo está nos baixos do pósito cedeirense.

A concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez Pérez, invita a veciños e visitantes a pasar unha fin de semana diferente descubrindo a vila e degustando “os mellores percebes do mundo, que son os de Cedeira”.