Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Xunta, Concello e Confraría comprométense co futuro do pósito local

O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, acompañado do Patrón Maior da Confraría, Eduardo González López, reuníronse onte en Santiago coa titular da Consellería do Mar, Rosa Quintana Carballo, para abordar de maneira conxunta o problema que está a xerar a actual fábrica de xeo polos seus elevados custos tanto de mantemento, uns 100.000 euros anuais, como de consumo. A factura eléctrica anual está entre os 60.000 e 70.000 euros.

A proposta da Consellería do Mar, cuxa titular mostrou a súa preocupación pola situación que está a atravesar a Confraría, o acordo alcanzado esta mañá pasa por unha implicación das tres partes, Xunta, Concello e Confraría, para garantir a viabilidade do pósito, con accións a curto, medio e largo prazo.

Así, de maneira inmediata a Confraría buscará financiamento para o gasto enerxético a través das axudas que en cuestión de días convocará a Consellería do Mar e cuxa contía pode chegar aos 60.000 euros.

O compromiso do Concello pasa, a medio prazo, pola compra de dúas propiedades do pósito local, mentres que a acción do executivo autonómico, que xa sería a mais longo prazo, dará lugar ao estudio dun proxecto para a construción dunha fábrica de xeo que se axuste ás necesidades e características da actividade pesqueira de Cedeira.

O rexedor municipal valorou a reunión celebrada onte en Santiago, ao tempo que mostraba o seu total apoio ás reivindicacións da Confraría por “ser un dos motores económicos máis importantes que ten Cedeira, por historia e tradición, e, sobre todo, pola cantidade de traballo co que colabora ao desenvolvendo local”. Pablo Moreda apuntou así mesmo que, non só hai que buscar empresas que veñan ao territorio, asunto que tamén é importante, senón que hai que conservar e loitar polo empresariado local, polo noso, para facer atractiva a nosa comarca, para que exista creación de emprego coa implantación de novas empresas pero tamén consolidar as que xa existen”.