XA ESTÁN NA RÚA OS NÚMEROS DE XULLO DOS BOLETÍNS “AS7PARROQUIAS”, “SON DE CEDEIRA” E “EN MARCHA”, ESTE ÚLTIMO CUNHA ENTREVISTA A DEL BOSQUE

A aprobación, por parte do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, do proxecto da ampliación da escola infantil; a demanda á Demarcación de Costas para a retirada de refullagos da base da duna da praia e a localización de restos de orixe castrexo no Campo do Castro son só algúns dos artigos recollidos no número de xullo do boletín “As7parroquias”, unha publicación que o goberno municipal xa está a repartir entre todas as familias do concello.

A imaxe de alumnos do colexio Nicolás del Río ao volante de karts serve para ilustrar a celebración dunhas xornadas realizadas no centro sobre seguridade viaria, unha experiencia moi interesante desde o punto de vista didáctico pero tamén moi entretida a dicir dos cativos.

O recordo ás vítimas do réxime franquista e a celebración dun curso para formar a futuros guías locais son outros dos temas incluídos nun boletín que este mes, ademais, coincide coa publicación do didicado á cultura “Son de Cedeira” e o deportivo. Este último leva por título “En Marcha” e, nesta ocasión, está enchido de instantáneas capturadas durante a celebración da última Gala do Deporte, unha edición moi especial ao contar coa presencia do xogador, adestrador e seleccionador nacional de fútbol, Vicente del Bosque. Entrevistas aos principais protagonistas da velada, incluída a do invitado estrela, tamén forman parte dos contidos da revista.