XA ESTÁN EN FUNCIONAMENTO OS PARQUES INSTALADOS NA ESCOLA INFANTIL E NO CEIP NICOLÁS DEL RÍO

Ao esforzo investidor xa realizado polo Concello de Cedeira en materia de xogos infantís cabe agora engadir os 38.050 euros destinados aos parques que xa están a funcionar na escola infantil e no colexio Nicolás del Río.

Trátase dunha nova iniciativa do equipo de goberno para facer das prazas, paseos e centros educativos lugares de encontro de nenos e familias. Con respecto a estas últimas obras realizadas os proxectos executados deron lugar á posta en funcionamento dun total de cinco novos elementos de entretemento, ademais dun chan específico en ámbolos dous espazos.

No patio do centro infantil foron colocados un xogo denominado “urban rail” e unha mesa con motivos de froitas, mentres que no CEIP quedaron instalados dous equipos completos -un en forma de abella e outro de bolboreta – ademais dunha mesa para nenos de 2 a 6 anos de idade. Nesta última intervención tamén foron creados un peche perimetral para limitar a zona de xogo e outro exterior para evitar que os nenos e nenas poidan saír á estrada.