Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Xa está en marcha o curso do “Xeoparque do Cabo Ortegal, pisando o interior da terra”

Xa deu comezo o curso do “Xeoparque do Cabo Ortegal, pisando o interior da terra” que se desenvolve en Cedeira e a comarca do Ortegal estes días, organizado por AEPECT‐Galicia e o Concello de Cedeira.

Este curso da AEPECT‐Galicia ten por obxectivo principal coñecer un pouco mellor a xeoloxía dun dos lugares con maior interese xeolóxico do continente europeo. É que Cabo Ortegal posúe entre outros hitos xeolóxicos, o maior afloramento de ecloxitas do planeta, unha das máis completas unidades ofiolíticas do mundo, a única praia de area negra non volcánica presente na Terra.Todos estes lugares xunto con outros moitos poderán ser visitados nestas xornadas.

Hoxe martes 21, no Auditorio Municipal de Cedeira haberá unha serie de conferencias plenarias de distintos expertos como apoio e difusión da candidatura de Cabo Ortegal como xeoparque mundial da Unesco. Os relatores desta xornada co‐organizada pola AEPECTGALICIA e o Concello de Cedeira, e abertas ao público en xeral, serán:

‐ 10:30 ‐‐ Presentación das xornadas
‐ 11:00 ‐‐ “Patrimonio xeomorfolóxico de Ferrolterra e Ortegal”. A cargo de Augusto Pérez Alberti
‐ 12:00 ‐‐ Descanso
‐ 12:30 ‐‐ “Geoparque Terra de Cavaleiros, diferenzas e similitudes con Cabo Ortegal”. A cargo de João Alves
‐ 13:30 ‐‐ Pausa para o xantar
‐ 16:30 ‐‐ “Como se gestiona un geoparque, el ejemplo de Las Loras”. A cargo de José Ángel Sánchez
‐ 17:30 ‐‐ “Xeoparque do Cabo Ortegal, pisando o interior da Terra”. A cargo de Francisco Canosa
‐ 19:00 ‐‐ Descanso
‐ 19:30 ‐‐ Mesa redonda
‐ 20:30 ‐‐ Peche da xornada. Despois recepción e entrega das chaves no hotel Herbeira en Cedeira

Mañá mércores e o xoves pola mañá, realizaranse diferentes saídas de campo para coñecer varios dos lugares con maior patrimonio xeolóxico do Cabo Ortegal, dirixidas por Francisco Canosa, e as que participarán os relatores convidados.

O xoves 23 pola tarde haberá dúas actividades opcionais:
‐ Paseo xeolóxico guiado en barco polo litoral entre Cedeira e Cariño (sempre que as condicións marítimas e meteorolóxicas o permitan). No barco só haberá 24 prazas dispoñibles, en quendas de 12 persoas.
‐ Visitas guiadas ao xacemento arqueolóxico de punta Sarridal e ao museo “Mares de Cedeira”.
Ámbalas dúas terán unha duración de 2 horas e 15 min aproximadamente.