UNS 160 FOGARES DE CEDEIRA, A MAIORÍA DA ZONA RURAL, XA RECICLAN EN ORIXE

Un total de 160 fogares de Cedeira, na súa maioría na zona rural, xa reciclan en orixe, segundo informa o goberno municipal, tras a adquisición das últimas vinte unidades de composteiros de 350 litros de capacidade, fabricados en materiais reciclados e con manuais didácticos de apoio. A devandita cantidade súmase aos 60 que xa estaban en funcionamento e aos 80 que, por iniciativa municipal, se levan adquiridos nos últimos tres anos.

Desde o executivo cedeirense vénse apostando por unha política respectuosa co medio ambiente, xa sexa coa substitución das lámpadas de vapor de sodio por outras de tecnoloxía led como polo tratamento en orixe do 42% da materia orgánica que vai das bolsas ao contedor.

Desta maneira tanto se están a evitar as emisións de CO2 á atmósfera como se reduce a frecuencia do servizo de recollida e o de transporte ata a planta de tratamento e diminúe a factura que o Concello ten que pagar a Sogama polo tratamento dos residuos. Ademais tamén se está a xerar compost e mesmo alimento para o gando.