Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Unha variante salvará a curva do Rego de Tide

O Concello de Cedeira conta coa axuda da Deputación da Coruña para mellorar os accesos ao santuario de Santo Andrés de Teixido. A institución provincial financiará a realización dunha variante para salvar a curva do Rego de Tide, situada na estrada DP 2205 e cun complicado trazado que limita a velocidade dos vehículos a 30 km/h e dificulta a circulación de autobuses turísticos e mesmo dos camións de reparto.

O investimento supera os 350.000 euros e correrá integramente a cargo da institución provincial, polo que o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, sinalou a importante axuda que para Cedeira representa contar coa colaboración da Deputación para “eliminar un punto crítico da súa rede viaria, no que apenas se poden cruzar dous coches e moito menos dous autobuses”.

Moreda Gil apuntou que desde o Concello “seguiremos pelexando para mellorar as vías de comunicación, tanto a nivel interno como con outras localidades”, e recordou que no ideario do equipo de goberno está a creación dunha rede de sendas peonís polas que algún día se poida chegar a pé ou en bici ata o santuario de Santo André e outros puntos do municipio.

A obra levarase a cabo entre os PKs +920 e 1 +200 e consistirá na realización dun novo trazado ao sur do actual, que discorrirá en terraplén para salvar o desnivel do arroio de Tide con curvas amplas de 100 e 200 metros de radio e cunha velocidade de deseño de 80 km/h. A actuación, que se desenvolverá nun tramo de 230 metros, eliminará o problema existente e favorecerá o tránsito de veciños, turistas e subministros.

O proxecto xa superou a supervisión técnica, polo que agora só está á espera da súa aprobación por parte do pleno provincial para que poida ser executado.