Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

UNANIMIDADE DOS GRUPOS DE CEDEIRA PARA LEVANTAR UN NOVO CENTRO DE SAÚDE EN TERREOS MUNICIPAIS

O pleno da corporación de Cedeira aprobou en sesión extraordinaria o cambio de uso da parcela dotacional situada xunto a estación de autobuses para que poida albergar un Centro de Saúde de nova construción que resposte adecuadamente ás necesidades da poboación, tal como leva anos demandando o goberno local. A proposta da Alcaldía tivo o voto a favor de todos os grupos municipais, algo que Pablo Diego Moreda Gil agradeceu, destacando “a importancia de que esteamos de acordo nun asunto de tanta importancia para a cidadanía”.

A parcela de titularidade municipal que está situada na rúa da Veiga, xunto á estación de autobuses, permitirá levar adiante a construción dun novo Centro de Saúde con dúas plantas de 1.000 metros cadrados cada unha. Tal e como expón a proposta da Alcaldía, os informes favorables do arquitecto municipal e a interventora corroboran que é posible facer o cambio de uso de dita parcela sen necesidade de seguir o procedemento de modificación do PXOM. Así, a documentación trasladarase agora ao órgano competente da Xunta en materia de Urbanismo para que realice as consultas e solicite os informes sectoriais oportunos, que deberán emitirse no prazo de tres meses ou se entenderán positivos.

O cambio de criterio, despois de largo tempo traballando para a ampliación do actual Centro de Saúde, produciuse nunha reunión co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o pasado 5 de outubro. Á vista das condicións que impón a Lei de Costas, os técnicos do organismo autonómico apuntaron entón que sería máis económica a construción dun novo edificio. Desde o mesmo día, o goberno municipal traballou para acelerar os trámites e poder levar a pleno canto antes a proposta para o cambio de uso da parcela.

Moreda Gil explicou que a intención do Concello, ademais de poñer a disposición de Sanidade o solo necesario, é facerse no futuro con terreos adxacentes para crear novas prazas de aparcamento e un parque público. A parcela municipal, que actualmente ten usos deportivos e de aparcamento, está preto do IES Punta Candieira, o campo de fútbol e o polideportivo e piscina municipais, nunha zona céntrica e xa con espazos para o estacionamento. A intención do goberno municipal é desenvolver a zona tal como está previsto no PXOM para dar servizo ao futuro Centro de Saúde, comunicando a rúa Río da Veiga co Camiño de Pitilleira e a estación de autobuses e abrindo unha nova rúa que conecte coa Avenida de España.

Segundo apuntou tamén o alcalde, o Centro de Saúde actual podería servir para albergar un xeriátrico ou un centro de día, tal como xa se sopesou baixo a alcaldía de Vergara, cando se chegou a consignar no BOE a edificación dun novo Centro de Saúde. Así, o alcalde recordou que a construción tivo aplicación presupuestaria no ano 2012, cando o Ministerio de Agricultura de Árias Cañete incluíra o proxecto, cun orzamento de máis de 2,4 millóns de euros, nun plan para que a Xunta asumira o 50% do investimento. Aquela oportunidade morreu pola falta de compromiso da Xunta, e o goberno de Moreda Gil retomou as xestións xa no anterior mandato, mantendo reunións cos profesionais do Centro de Saúde primeiro, e despois co xerente da Área Sanitaria, Ángel Facio, ao que se lle pasaron varias propostas. Finalmente foi no mes de novembro do pasado ano cando a Consellería de Sanidade anunciou que a ampliación do Centro de Saúde de Cedeira entraba no plan de infraestruturas do Sergas.

Dado o novo proxecto, para Moreda Gil é una prioridade que o actual Centro de Saúde poida pasar a mans municipais e ter utilidade no futuro dentro do ámbito dos servizos sociais. Así, adiantou que o goberno municipal solicitará á Xunta a reversión da titularidade do inmoble, para poder levar adiante alí, contando co consenso necesario, un centro de día, un xeriátrico ou outros servizos que melloren as prestacións da poboación de Cedeira.