Un total de 20 agrupacións tomarán parte mañá no festival do entroido
UN TOTAL DE 20 AGRUPACIÓNS TOMARÁN PARTE MAÑÁ NO FESTIVAL DO ENTROIDO
Un total de 20 agrupacións, entre comparsas e grupos, tomarán no festival do Entroido que o Concello de Cedeira organiza para mañá sábado. A participación será dunhas 250 persoas.
O programa dará comezo as cinco da tarde coa saída do desfile das inmediacións da estación de autobuses. Despois de percorrer as rúas, a comitiva chegará á praza Roxa, lugar elixido pola organización para a presentación dos participantes no certame de disfraces e as actuacións.
No certame de mañá repartiranse un total de 1.655 euros entre os mellores disfraces. O xurado terá en conta tanto a orixinalidade do vestiario como a coreografía, no caso das comparsas. Outros aspectos que se valorarán serán a simpatía e o emprego de material de refugallo na elaboración dos traxes o complementos. Os premiados deberán solicitar o pago do mesmo, a partir do luns 27, nos servizos económicos do rexistro do Concello de Cedeira.
A animación na rúa correrá a cargo das charangas DGT e Batería de Cariño.
Pola noite a festa trasládase á praza da Revolta. Nela a comisión de festas 2017 organiza unha velada musical, a cargo das orquestas Cinema e Garibaldi, para darlle continuidade ás celebracións populares pero tamén para recadar diñeiro de cara ás festas patronais. Os menores de 16 anos terán que abonar dous euros e os adultos cinco.
O programa de Entroido pechará ata o ano que vén o luns coa celebración da festa infantil no pavillón polideportivo. Haberá inchables e moita diversión para os máis pequenos.