Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

UN ORIXINAL ESPECTÁCULO CON AREA E LUZ PECHA MAÑÁ O CICLO CANTOS E CONTOS AO SOLPOR

O Auditorio Municipal acollerá mañá sábado a última cita do ciclo Cantos e Contos ao Solpor, co que a vila de Cedeira adoita despedir cada ano o verán e entrar no outono. “Con area. Cousasdebuxo” é o título do inclasificable espectáculo que Marcos Escudero ofrece con area e luz, fusionando técnicas de sombras chinas, cómic, animación ou narración. A cita é as 20.00 horas.

O público familiar é o destinatario da función, na que Marcos Escudero vai contando historias e ilustrándoas a través dos debuxos que fai con area sobre o cristal dunha caixa de luz, mentres unha cámara recolle a sucesión de debuxos, que se proxectan nunha pantalla. A fusión de técnicas empregadas no espectáculo denomínase “sand painting” ou “sand drawing”.

Marcos Escudero, natural de Mos, é un artista polifacético adicado principalmente á escultura en pedra, pero que cultiva tamén moitas outras disciplinas entre as que están a ilustración e as tiras cómicas. Desde hai anos desenvolve tamén este orixinal espectáculo con area e luz, que atrapa ao público pola sorprendente forma en que os movementos do artista transforman os debuxos.

Festas de San Cosme en Piñeiro

Por outra banda, a parroquia cedeiresa de Piñeiro celebra esta fin de semana as festas patronais de San Cosme. O programa de actos comeza mañá sábado, ás 13.00 horas, coa misa solemne e posterior procesión acompañada pola banda Buxainas. Ao mediodía haberá unha sesión vermú amenizada polo grupo Amazonas e unha gran churrascada. Durante o resto da tarde actuarán os grupos Jaque e Nuevo Plan, e xa pola noite, ás 22.00 horas, tocarán Los Mezcales de San Antonio, de novo o grupo Amazonas e a orquestra Triunfo. Ás doce da noite lanzaranse fogos artificiais.

Ao día seguinte, o domingo, celebrarase de novo unha misa ás 13.00 horas, e posterior procesión que irá acompañada pola Banda de Música Vila de Cedeira. O dúo Karamba amenizará a sesión vermú.