Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

TAREFAS DE LIMPEZA E MANTEMENTO NO CASTRO SARRIDAL ÁS PORTAS DUNHA NOVA CAMPAÑA DE ESCAVACIÓNS

O equipo de Axa Arqueoloxía realizou hai poucos días tarefas de limpeza e mantemento no Castro Sarridal, as primeiras despois dos meses de inverno, para garantir que o conxunto segue en boas condicións. O Concello ten previsto poñer en marcha entre xullo e agosto unha nova campaña de escavación, cun orzamento de 14.399€, coa que “seguir dando pasos adiante para poñer en valor este importante patrimonio arqueolóxico de Cedeira e coñecer a través del o noso pasado”, explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil.

Segundo explicou Emilio Ramil, o director dos traballos de recuperación arqueolóxica que se veñen desenvolvento desde o ano 2017, as tarefas de limpeza periódicas son necesarias e moi acaídas agora que chega o bo tempo e o conxunto vai recibir máis visitas. O xacemento de Castro Sarridal conta desde o pasado ano cun panel informativo que facilita ao público a comprensión das estruturas descubertas nas escavacións, delimitadas cun valado pero á vista de todas as persoas que queiras achegarse a coñecelas.

A próxima campaña de escavación que se vai realizar no verán continuará co descubrimento do paramento exterior, avanzando ata case chegar ao cantil, así como do foxo. Tamén está previsto rematar os traballos de definición do enlosado de acceso á sauna castrexa. As tarefas permitirán ver mellor o conxunto da estrutura defensiva do castro.

A recuperación arqueolóxica do conxunto do Castro Sarridal comezou no ano 2017 e desde aquela foi avanzando en sucesivas campañas de escavación e consolidación, financiadas polo Concello de Cedeira e, tamén nalgúns casos, pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

No xacemento está unha das cinco saunas castrexas descubertas ata o momento en Galicia, coa pedra formosa máis antiga de todas elas, datada no 230 a.C. coa proba do Carbono 14. O conxunto estivo habitado ata o século I d.C. polo menos, xa en época romana, como proba a moeda achada nunha das campañas de escavación.