Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SEN PRAZAS EN DÚAS DAS CINCO XEORRUTAS QUE OFRECE ESTA SEMANA O PROXECTO DE XEOPARQUE DO CABO ORTEGAL

Ao longo desta última semana de xullo, os municipios promotores do proxecto de xeoparque teñen organizadas cinco saídas para descubrirmos as peculiariedades xeolóxicas do noso territorio. Neste sentido volveremos ter oportunidade de percorrer o litoral norte cos percorridos dos concellos de Cedeira e Cariño -as xeorrutas dos Cantís, do Litoral, dos Aguillóns e das Areas Negras- e tamén co preparado polo Concello de Valdoviño, a Xeorruta do Arsénico, novidade no programa deste verán. Tanto para este último, previsto para o xoves á tarde, como para o das Areas Negras, que baixará o domingo á praia de Teixidelo, xa non hai prazas dispoñibles. Ademais tamén está completa a xeorruta marítima que ofrece a empresa Rutas Cedeira na tarde do 31.

As reservas para as rutas con prazas dispoñibles hai que facelas obrigatoriamente en liña a través da aplicación habilitada este ano na nosa web, onde se pode gardar sitio en calquera itinerario a varias semanas vista e cun custe por persoa de 9€, reintegrables ata 24 horas antes no caso de cancelación.

O programa da semana inclúe, como principal novidade, o percorrido do Arsénico pola costa de Meirás, en Valdoviño, atendendo a cuestións como as fallas, o vulcanismo, a formación da lagoa ou o sistema dunar da Frouxeira. Porén, un dos aspectos que se verán con máis detemento son as acumulacións de arsenopirita na contorna da capela do Porto e outros puntos do litoral que foron explotadas na primeira metade do século XX. Da actividade mineira quedan vestixios en forma de galerías e socavóns que nos falan da penosa extracción dun material que tamén contiña metais coma o ouro ou a prata.

Esta ruta logo completou as 20 prazas ofertadas e, por este motivo, quen queira facela deberá anotarse na saída do 21 de agosto (10:00h) e sen demorarse moito, xa que no momento de redactar esta información só quedan cinco por cubrir.

Outra que está completa para este domingo é a Xeorruta da Praia das Areas Negras do domingo pola mañá, aínda que nese caso teremos máis oportunidades de facela, concretamente o xoves 4 de agosto, o domingo 14, o martes 23 e, xa en setembro, os días 4 e 10. As reservas para calquera deses días poden tramitarse desde esta ligazón.

As outras tres rutas xeolóxicas onde hai sitio son as seguintes:

Xoves 28 de xullo, 10:00 a 13:00h.: Xeorruta do Litoral (Concello de Cedeira). Trátase dunha andaina de 8 quilómetros que se fai sen moito esforzo nunhas tres horas (cómpre ter costume de camiñar). Sáese da oficina de turismo, visítase a praia da Magdalena e prosegue pola contorna do porto de Cedeira e parte da marxe leste da boca da ría. Nese camiño veremos a deformación das rochas e a xeomorfoloxía mariña e fluvial, pero tamén haberá tempo para visitar o xacemento arqueolóxico de Punta Sarridal. Máis info e reservas aquí.

Sábado 30 de xullo, 10:00 a 14:0h: Xeorruta dos Aguillóns (Concello de Cariño). Máximo 20 prazas. Coñecerase de primeira man a maior concentración de ecloxitas de todo o planeta. As ecloxitas son rochas formadas en condicións de altas presións e temperaturas na parte máis próxima a nós do Manto terrestre e que, por este motivo, son difíciles de ver en superficie. Toda a zona que se visitará o sábado foi obxecto de numerosas investigacións científicas nas últimas décadas -sobre todo a parte máis ao norte, onde xorden os Aguillóns- porque a súa análise permite extraer datos sobre o que ocorreu e ocorre no interior do planeta.

Será unha auténtica “viaxe ao interior da Terra” sen deixar de ver a luz do día na que tamén haberá tempo para descubrir as formacións xeolóxicas que aparecen en San Xiao do Trebo, orixinadas neste caso pola fusión de outros materiais.

O percorrido consta de 3 paradas e o desprazamento entre elas realizarase en coches particulares. O percorrido ten unha dificultade media, debido á presenza de tramos con certa pendente, polo que é preciso levar un calzado cómodo e axeitado para ese tipo de terreos. Máis info e reservas aquí.

Sábado 30 de xullo, 16:30 a 19:30h: Xeorruta dos Cantís (Concello de Cedeira). Máximo 20 prazas. O sábado á tarde temos un percorrido doado desde o miradoiro do Chao do Monte -preto de Santo André- para descubrirmos a Serra da Capelada, unha salientable estrutura xeolóxica de máis de 400 m de altitude. No camiño observaranse distintos tipos de rochas que hai millóns de anos se atopaban a 70 km de profundidade, algo que podemos ver en varios lugares do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal, exemplo único do denominado contexto xeolóxico do Oróxeno Varisco Ibérico. Máis info e reservas aquí.

Fotos das antigas galerías das minas de arsénico de meirás (César Galdo)