Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

REMATADAS AS OBRAS DE MELLORA DO TRAZADO DA AC-566 DESDE VALDOVIÑO ATA A RAMALLEIRA

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, acudiu este mércores a visitar as obras de mellora do trazado na estrada autonómica AC-566 xunto coa conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez, a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González. A adminstración autonómica investiu 4,7 millóns de euros na actuación, que abrangueu sete quilómetros de estrada, desde a saída de Valdoviño ata A Ramalleira, e que permite reducir nun 30% o tempo do percorrido por dito tramo e incrementar sensiblemente a seguridade vial.

Moreda Gil amosouse satisfeito pola realización destas obras, que foron longamente demandadas pola cidadanía de Cedeira. Lembrou as xestións realizadas desde o ano 2015, no anterior mandato, e que xa a finais de 2016 a Xunta se comprometera a a realizar as obras que agora por fin están rematadas.

O alcalde sinalou tamén que o Concello de Cedeira ten solicitado á Xunta que esta intervención teña continuidade con outras dúas na mesma estrada. Concretamente, o alcalde reclama que a Consellería arranxe a AC-566 no seu último tramo, na entrada á propia vila de Cedeira, no que o firme está moi deteriorado e precisa dunha renovación da capa de aglomerado, e tamén que inicie canto antes os estudos previos para mellorar o trazado no tramo de dous quilómetros de curvas que se suceden na zona de Landeira. Moreda explicou que é unha zona afectada pola Rede Natura e que o goberno local é consciente de que a tramitación vai ser longa, polo que é preciso comezala canto antes. “Son actuacións que impactan directamente no progreso do pobo, que contribúen a fixar poboación”, comentou, engadindo que “a Consellería ten que ser sensible as demandas que presentamos os alcaldes, porque estamos a recoller as necesidades reais da cidadanía”.

As obras que executou a Consellería de Valdoviño ata A Ramalleira traducíronse no ensanchamento da calzada nalgúns tramos, incorporando un terceiro carril que permite os adiantamentos, e a rectificación das curvas máis pronunciadas e perigosas. A intervención incluíu a reforma de interseccións, habilitáronse cambios de sentido e facilitáronse aqueles xiros á esquerda que reúnen as condicións de seguridade obrigadas. Nalgúns puntos do trazado, o ancho da calzada ampliouse ata os dez metros.