Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

REMATADA A OBRA DE RECUPERACIÓN DA ANTIGA FONTE E LAVADOIRO DA VILA DO RÍO

O goberno local de Cedeira informa do remate das obras de rehabilitación da antiga fonte da Vila do Río, na parroquia de San Román. É unha intervención coa que o Concello avanza no plan de recuperación de fontes e lavadoiros, elementos da arquitectura popular que cómpre conservar, en palabras do alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, “porque son parte da nosa historia, lugares de encontro na vida cotiá dos nosos avós, especialmente das avoas, que non queremos ver en ruínas”.

Neste caso, a intervención contou cun orzamento de algo máis de 19.000 euros, dos que 10.000 procedían dunha axuda xestionada polo goberno local diante do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Concretamente, a subvención correspondía a un programa para a corrección de impactos paisaxísticos.

A empresa Kaizen Management realizou os traballos de albanelería, mentes que Carpintería López y Villadóniga se encargou da reconstrución da estrutura de madeira da cuberta. Os traballos consistiron na roza da zona, a demolición da anterior cuberta de pizarra e do entramado de cimbros de madeira que a sustentaban, así como na limpeza da estrutura de formigón e o chapado dos paramentos e o solo con pezas irregulares de pizarra. Ademais, colocáronse novas vigas de madeira de abeto e un teito de pizarra, e reparouse o sumidoiro e as tubaxes correspondentes.

A fonte da Vila do Río súmase así ás da Barca, Fernando Lago, da Area e de Vilar, que xa rehabilitou o Concello.