As asociacións e sociedades municipais, así como calquera veciño ou veciña a título particular, poden facer uso do seu dereito a participar na actividade política municipal e asistir aos plenos ordinarios, que se celebran cada dous meses, os últimos mércores de cada mes impar, ás 20.00 h. En caso de tratarse de día festivo ou inhábil, realízanse na semana seguinte.

  • PARTICIPACIÓN EN PUNTOS DA ORDE DO DÍA DUN PLENO

    Cando algunha das asociacións ou entidades municipais desexe efectuar unha exposición ante o pleno en relación con algún punto da orde do día, en cuxa previa tramitación administrativa interviñese como parte interesada, deberá comunicar ao alcalde a solicitude de palabra antes de comezar a sesión.

    Coa autorización deste, e a través dun único representante, poderá expoñer o seu parecer -durante o tempo que sinale o alcalde- antes da lectura, debate e votación para a aprobación ou non do punto da orde do día.

  • REALIZACIÓN DE ROGOS E PREGUNTAS AO FINALIZAR OS PLENOS ORDINARIOS

    Terminada a sesión do pleno, o alcalde pode establecer unha rolda aberta de intervencións para o público asistente sobre temas concretos de interese municipal. Cada persoa ou entidade poderá facer un máximo de dúas intervencións por pleno.

    Corresponde ao alcalde ordenar e pechar esta rolda.

  • PRESENTACIÓN DE MOCIÓNS

    Moción é a proposta que se somete directamente a coñecemento do pleno ao amparo da lexislación vixente.

    A presentación escrita ou oral de mocións poderá ser feita exclusivamente por membros da corporación que as subscriban como propias, en nome propio ou do colectivo ou órgano municipal propoñente.

  • PRESENTACIÓN DE INICIATIVAS LEXISLATIVAS POPULARES

    Os/as veciños/as empadroados/as poderán exercer a iniciativa popular presentando propostas de acordos, actuacións ou proxectos de regulamentos en materias de competencia municipal.

    Estas iniciativas deberán ir subscritas, cando menos, polo 15% da veciñanza.

    As iniciativas deberán ser sometidas a debate e votación no pleno, sen prexuízo de que sexan resoltas polo órgano competente por razón da materia. En todo caso, requirirase o previo informe de legalidade do secretario do concello, así como o informe do interventor cando a iniciativa afecte a dereitos e obrigacións de contido económico do concello.