CEDEIRA residents demanded ONTE "A decent pension"

Varios centos de persoas percorreron onte as rúas de Cedeira en demanda de “unhas pensións dignas”. A veciñanza respondía así á convocatoria promovida pola Asociación de Maiores da localidade que era secundada polo equipo de goberno. O acto de protesta deu lugar así mesmo á lectura dun manifesto por parte da presidenta da entidade, Juana Cheda, para dicir que “negámonos a aceptar que nos queiran condenar á pobreza despois de toda vida traballando” e asegurar sentirse indignada na mesma medida pola pírrica suba dun 0,25% como pola carta enviada desde o Ministerio para anunciar o devandito incremento. “Gastaron máis en mandar as cartas que na suba das pensións”, dixo.

A presidenta da entidade tamén destacou que “nós cremos no sistema público pero quen goberna está máis por impulsar os plans privados para enriquecer aos bancos e mesmo ás grandes empresas que por garantir a calidade de vida das xubiladas e xubilados deste país”. Cheda tamén fixo referencia o feito de que os pensionistas galegos cobran ata 15 puntos menos que os do resto do Estado e reclamou que “todos e todas debemos ser cidadáns de primeira, se traballamos debemos ter un salario que nos permita vivir con dignidade e se somos xubilados ter unha pensión igualmente digna”.