Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Os proxectores do pavillón xa están a iluminar as instalacións deportivas do CEIP Nicolás del Río

OS PROXECTORES DO PAVILLÓN XA ESTÁN A ILUMINAR AS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS DO CEIP NICOLÁS DEL RÍO

O Concello de Cedeira vén de dar novo uso aos 12 proxectores LED que no seu día foron retirados do pavillón municipal. Son os que esta semana xa están a iluminar o polideportivo do CEIP Nicolás del Río.

O proxecto tivo un custo cero para as arcas municipais, ademais de representar un gran avance en canto ao aforro e eficiencia enerxética. Os proxectores agora colocados nas instalacións deportivas do colexio cedeirense fixeron posible a retirada de outros de 400W e de vapor de mercurio, máis contaminantes e menos rentables desde o punto de vista do consumo enerxético. A potencia dos actuais é de 110W.

Esta actuación deu lugar así mesmo á substitución das 16 lámpadas situadas ao longo do corredor central do centro educativo por outras de 20W de tipo Led, unha actuación que tamén se valora polo seu compoñente decorativo.

Desde o inicio do presente mandato, o goberno de Cedeira está a manter unha habitual liña de colaboración coa dirección do Nicolás del Río para atender as necesidades que poidan ir xurdindo ao longo do curso escolar.