Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

OS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS DESTINARANSE ESTE ANO Á REALIZACIÓN DE MELLORAS NA PISTA DO FLOREAL

A proposta de mellorar a iluminación e a pintura da cancha de xogo do Floreal foi a máis votada entre as cinco que este mércores se presentaron na asamblea dos orzamentos participativos, no salón de actos do IES Punta Candieira. Un total de 61 rapaces e rapazas dos catro grupos de terceiro de ESO protagonizan este ano a segunda experiencia deste tipo no municipio, que de novo vai traducirse no investimento de 20.000€ do presuposto municipal. Na mesma sesión o alumnado decidiu a representación de doce compañeiros e compañeiras que se encargarán de presentar o proxecto ao pleno da corporación municipal o vindeiro día 22.

A praza do Floreal é un espazo público moi frecuentado pola mocidade de Cedeira. Ten unha cancha de xogos cuxa pintura actual é moi esvaradiza e tampouco dispón de boa iluminación, o que fai que o tempo de xogo, especialmente nos meses de inverno, se acurte moito. A proposta está valorada en preto de 20.000€, polo que desta volta será só esta iniciativa a que se financie a través do programa, e consistirá na instalación dun novo alumado e a renovación da pintura do chan.

A seguinte proposta máis votada, entre as cinco que chegaron á asemblea, foi a titulada “Por unha praia divertida”, que propoñía o desenvolvemento de actividades como obradoiros de area, ioga, volei, petanca… na praia da Madalena durante o verán.

Porén, o proceso de orzamentos participativos serve para moito máis que para decidir estritamente o destino deses 20.000€. As sesións de traballo que se desenvolveron desde o pasado mes de febreiro serviron para que o alumnado aprendese como funciona a administración municipal e os seus órganos de decisión, para que vivisen un proceso de debate e para implicarse de maneira directa na elaboración dos proxectos e na súa presentación e defensa diante dos compañeiros e compañeiras.

Tal e como explicou Carmela Prieto, a concelleira de Participación e Mocidade, este ano quedou claro que o interese do alumnado estaba dirixido á procura de máis equipamentos e programas relacionados co lecer e o deporte ao aire libre. De feito, algunhas das ideas xurdidas dese diálogo entre o Concello e o alumnado van poder incorporarse á programación do Centro de Ocio Xuvenil, cuxa animadora sociocultural organiza o programa de actividades en función das suxestións que presenta a rapazada en mesas participativas.

Na mesma asemblea deste mércores, ademáis da proposta elixida, votouse a representación de doce mozos e mozas que irá o vindeiro día 22 a presentar o resultado do seu proceso participativo diante do pleno da corporación.