Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Os concellos de Ortegal estudan as medidas concretas que sirvan para impulsar o xeoparque

OS CONCELLOS DE ORTEGAL ESTUDAN AS MEDIDAS CONCRETAS QUE SIRVAN PARA IMPULSAR O XEOPARQUE

Os alcaldes de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Valdoviño e San Sadurniño reuníronse o pasado xoves na Casa do Concello deste último concello para abordar o proxecto do Xeoparque de Cabo Ortegal e, máis concretamente, a fórmula colaborativa que se encargará de poñer en marcha o plan director e iniciar a tramitación da candidatura.

A Deputación da Coruña mostrou o seu interese en implicarse economicamente no proxecto e, neste sentido, dentro duns días celebrarase un novo encontro entre cargos políticos dos sete Concellos promotores (tamén está Ortigueira) e do ente provincial coa asistencia de persoal técnico. A finalidade desta reunión será darlle o impulso definitivo ao proxecto co obxectivo de iniciar en xaneiro o proceso de recoñecemento ante o Comité Español de Xeoparques como paso previo á verificación por parte da Unesco.

Segundo comentaron os rexedores municipais á saída da reunión, case con total seguridade optarase a construír unha entidade integrada polos municipios e fiscalizada pola Deputación. Por outra banda, tamén se prevé sinalizar as zonas e rutas de maior interese, ademais de levar adiante intervencións que axuden a facer do proxecto o que é noutros lugares: un atractivo turístico para o público xeral e especializado, así como conformar un factor de dinamización socioeconómica das comunidades onde se asenta.

Por estes motivos, o que máis urxe nestes momentos é a disposición dun plan rector para iniciar a tramitación efectiva da candidatura en xaneiro do próximo ano. A parte de identificación técnica do valor xeolóxico xa está lista, tal e como indican, co traballo levado a cabo polo experto Francisco Canosa e a Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal.

Fonte: Diario de Ferrol
Pode consultar a nova na seguinte ligazón:
IR Á LIGAZÓN Os concellos de Ortegal estudan as medidas concretas que sirvan para impulsar o xeoparque