Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Os Concellos da Mancomunidade compartirán documentación para facilitar a adopción de medidas coas que paliar os efectos económicos da pandemia do coronavirus

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol celebrou esta mañá, entre as 12.00 e as 13.20 horas, unha nova reunión por videoconferencia.

O encontro estivo presidido polo presidente e alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e contou coa asistencia dos representantes municipais de Ares (Julio Iglesias), Cabanas (Carlos Ladra), Cedeira (Pablo Diego Moreda), Fene (Juventino Trigo), Mugardos (Manuel Mahía, substituíndo a Juan Domingo de Deus), Narón (Marián Ferreiro) e Valdoviño (Alberto González), así como do segundo representante do Concello de Ferrol no Pleno da Mancomunidade (Iván Rivas). Desculpou a súa ausencia o alcalde de Neda, ao que non lle foi posible asistir ao encontro.

As administracións locais están a xogar un papel moi relevante na xestión da crise, e deben tomar decisións complexas ante unha situación sen precedentes. Neste sentido, o órgano supramunicipal está a servir para que os responsables locais intercambien información sobre as situacións ás que se enfrontan e a maneira de articularse con outras administracións.

A sesión celebrada no día de hoxe permitiu coñecer os criterios que se están a adoptar nos distintos concellos en canto ao repartimento de equipos de protección individual ás persoas que se incorporaron aos seus postos de traballo nesta semana e aos colectivos máis vulnerables, e informouse sobre as medidas fiscais que se están a estudar en cada municipio para minimizar o impacto da crise sanitaria nas persoas e actividades económicas máis afectadas.

A este último respecto, acordouse crear un repositorio de documentación para que os nove municipios poidan compartir documentos relativos ás medidas fiscais e empregar como base os acordos e informes dos concellos veciños.

A reunión tamén serviu para renovar o Convenio entre a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e a Universidade da Coruña para a Cátedra sobre Xestión de Emerxencias creada o pasado ano. Esta iniciativa xa foi impulsada con anterioridade á actual crise sanitaria, pero a presente situación confirma a necesidade deste instrumento, baseado na coordinación dos servizos de Protección Civil municipais e na transferencia de coñecemento científico e tecnolóxico coa Universidade.