AYER COMENZÓ LA SEGUNDA FASE DE EXCAVACIÓN EN EL ASENTAMIENTO DE CAMPO DEL CASTRO

Onte deu comezo a segunda fase do proxecto de escavación do Campo do Castro, cuxo obxectivo é a posta en valor do antigo asentamento galaico-romano no que con anterioridade fora localizada a quinta pedra formosa que existe en Galicia.

Os traballos, nesta ocasión, están a ser financiados pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, unha colaboración económica de 18.000 euros moi apreciada por parte do equipo de goberno. O executivo local contribuirá máis adiante cunha axuda de 12.000 euros (IVE non incluído) para acometer “unha nova actuación que permitirá delimitar a estrutura da muralla do castro inmediata á localización do monumento con forno”, tal e como explicou a concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez Pérez. Esta terceira intervención desenvolverase no verán.

Esta nova escavación, que terá que prolongarse algunhas xornadas máis das inicialmente previstas polo mal tempo, servirá para definir todas as dependencias -forno, cámara, antecámara e atrio-, segundo apuntou Emilio Ramil, arqueólogo e director dun proxecto no que participan outras oito persoas máis, entre arqueólogos, auxiliares de arqueoloxía e o responsable do traballo gráfico. Ramil destacaba hoxe mesmo o bo estado de conservación das estruturas localizadas.