Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O proxecto de mellora da estrada entre Cedeira e Valdoviño iniciarase con actuacións directas sobre tramos concretos

O PROXECTO DE MELLORA DA ESTRADA ENTRE CEDEIRA E VALDOVIÑO INICIARASE CON ACTUACIÓNS DIRECTAS SOBRE TRAMOS CONCRETOS

OS ALCALDES DE CEDEIRA, PABLO MOREDA GIL, E DE VALDOVIÑO, ALBERTO GONZÁLEZ, ABORDARON SOBRE O TERREO AS ACTUACIÓNS CON REPRESENTANTES DA CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS

AS INTERVENCIÓNS CONTEMPLAN A CORRECCIÓN DE CURVAS, MELLORAS DO TRAZADO OU HABILITAR VÍAS LENTAS EN TREITOS SOBRE OS QUE NON PESEN FIGURAS DE PROTECCIÓN MEDIO AMBIENTAL

O proxecto de mellora da estrada AC-566 que comunica Cedeira e Valdoviño traducirase a curto prazo en actuacións directas sobre determinados tramos cun triple obxectivo: reforzar a seguridade vial, mellorar a mobilidade e reducir tempos de percorrido. Así o avanzaron esta mañá os alcaldes de Cedeira, Pablo Moreda, e de Valdoviño, Alberto González, trala xuntanza que mantiveron co técnico da Consellería de Infraestruturas da Xunta, administración que financiará e executará as actuacións. Un encontro no que tamén participaba a primeira tenente de alcalde da vila, María Xosé Rodríguez, e o concelleiro de Obras valdoviñés, Alejandro García, e que principiaba na casa consistorial de Valdoviño. Alí, sobre plano, estudaban as alternativas previstas e, a continuación, iniciaban un percorrido sobre o terreo para comprobar in situ os plans sobre o papel.

Alberto González e Pablo Moreda Gil sinalaban que esas actuación directas de mellora permitirán axilizar administrativamente as intervencións, eliminando burocracia e ofrecendo solucións a curto prazo. Así mesmo, complementaranse con actuacións de maior alcance a medio prazo.

En liñas xerais, as primeiras medidas levaranse a cabo en zonas sobre as que non pesen figuras de protección medio ambiental e consistirán, en esencia, na corrección de curvas; melloras no trazado e habilitar vías lentas.

Deste xeito, lograrase mellorar a circulación entre ambos municipios e, por extensión, a conexión entre Cedeira e Ferrol. Reduciranse tempos, o que repercutirá positivamente no posicionamento do polígono da Trabe e na economía de ambas localidades, así como en cuestións tan vitais e cotiás como os traslados ós centros hospitalarios. E, sobre todo, acadarase unha mellora substancial en materia de seguridade vial.

Este proxecto fundamental para Cedeira e Valdoviño constitúe unha vella reivindicación de ambos municipios que, tras as xestións realizadas nos últimos dous anos coa Xunta, titular do vial, semella que avanza con paso firme e cuxos resultados se verán a curto prazo.