Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O programa das xeorutas incrementou un 17% o número de participantes

O PROGRAMA DAS XEORUTAS INCREMENTOU UN 17% O NÚMERO DE PARTICIPANTES

O programa de Xeorutas volve deixar un bo sabor de boca cun incremento dun 17% de participación con respecto á campaña de 2017 e cunha moi alta valoración por parte das persoas que tomaron parte nesta iniciativa de turismo alternativo. O número de participantes ascendeu a 541, fronte aos 464 do ano anterior. Por procedencia, a máis numerosa foi o galega, cun 38%, seguida dos residentes na comarca, que representaron un 36% do total. Desta estatística tamén se desprende que os visitantes doutras comunidades autonómicas foron un 24% e que os turistas extranxeiros representaron un 2%. Países como Francia, Suiza e Estados Unidos foron a orixe do maior número de viaxeiros.

Nunha comparativa con respecto á tempada 2017 cabe destacar un incremento dun 36% do turismo de dentro da comunidade autónoma, así como un descenso dun 7% do que se refire á comarca e un 20% do resto do Estado. Estas baixadas xustifícanse en base aos malos datos turísticos que, a nivel xeral, deixou o pasado mes de xullo.

Os responsables do proxecto destacan a súa consolidación, así como a importancia do mesmo cara á posta en marcha do Xeoparque do Cabo Ortegal. Neste sentido, se ademais de contabilizar as 541 persoas que tomaron parte nas xeorutas promovidas desde Cedeira se teñen en conta as levadas a cabo polos concellos de Cariño, Valdoviño, Moeche e Ortigueira – tamén implicados en dito obxectivo- as saídas xeolóxicas guiadas ascende no seu conxunto a 783 visitantes.

No caso de Cedeira, a tempada de verán das Xeorutas estivo operativa entre os días 1 de xullo e 12 de setembro. Ás rutas xa consolidadas do Cromo, Os Cantís, Praias Negras e Granate este ano foi engadida a denominada Litoral, unha das que despertou un maior interés por parte do turismo nacional, mentres que o turismo galego decantouse polas do Cromo e Praias Negras e o da comarca por esta última e máis a do Granate.