O PP FREA O PROXECTO DE EROSKI DE ABRIR OUTRO SUPERMERCADO

O guion cumpriuse. O PP votou en contra do convenio urbanístico para a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal na Maravilla, freando así o proxecto do grupo Eroski de abrir un supermercado, coa previsión de crear 35 postos de traballo. «¿Por que intentaron sacalo no seu goberno e agora non lles vale?», preguntouse a primeira tenente de alcalde e delegada de Urbanismo, Mª Xosé Rodríguez (BNG). «¿Por que se o avalan todos os informes?», indagou o edil de Educación, Robustiano Labraña (Anova), que intúe «un interese [da oposición] de desmontar calquera iniciativa que poda ter unha rendibilidade política» para o tripartito.

O portavoz popular aduciu que «non hai proba documental de que Eroski vaia crear 35 empregos máis dos que existen, non é a mesma modificación nin son as mesmas circunstancias». Luis Rubido botou en cara aos grupos do executivo que non teñan retomado a revisión do PXOM, como prometeron en campaña. «Podemos pensar que [coa modificación puntual] se trata de evadir esa revisión, que podía ser desfavorable para a propiedade», argüiu. Ademais de cuestionar que a empresa que elaborou este proxecto sexa a mesma á que en 2008 adxudicóuselle a redacción do novo plan urbano, polo que «perdería a neutralidade». E apuntou, sen concretar, «razóns de desenvolvemento local».

Rodríguez deixou claro que o único plan en vigor data de 1995; reprochou ao PP «que deixara morrer a revisión do Plan Xeral, que tiña que estar aprobado definitivamente no 2013, cando gobernaba»; xustificou que o tripartito non teña emprendido a revisión por falta de medios, posto que o groso da subvención da Xunta xa se gastou; e negou calquera incompatibilidade por parte do autor, como acreditan os informes técnicos. Tanto ela como Labraña incidiron no interese xeral do proxecto, polo emprego.

O 26 de marzo de 2014, o executivo de Rubido retirou da orde do día do pleno a aprobación inicial dunha modificación do PXOM para recalificar unha parcela na Maravilla. Aduciu un informe da arquitecta. O propietario da leira volveu solicitar unha modificación do plan o 20 de maio de 2015, que se frustrou o martes. A inhibición do alcalde, Pablo Moreda (PSOE), polo seu anterior vínculo laboral co promotor, impediu aprobar o convenio, ao non contar coa maioría necesaria en materia urbanística (a metade máis un dos membros da corporación).

Fonte: La Voz de Galicia

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN O PP frea o proxecto de Eroski de abrir outro supermercado