Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O pleno de Cedeira insta á Xunta a restaurar o servizo de pediatría que agora comparte con Valdoviño

O pleno de Cedeira aprobou por unanimidade unha moción do equipo de goberno pola que se insta á Xunta de Galicia a restaurar “ao cen por cen” o servizo de pediatría no centro de saúde da localidade, por considerar que “é urxente” acabar coa situación de precariedade que obriga á facultativa de Valdoviño a desprazarse tres días da semana a Cedeira para pasar consulta. Esta circunstancia tradúcese, segundo o executivo, nunha perda de calidade do servizo.

A presentación desta iniciativa coincide co inicio dunha campaña de recollida de sinaturas impulsada polos pais e nais e apoiada desde o Concello. De feito, o goberno está a colaborar poñendo a disposición da veciñanza follas de adhesión en todos os edificios públicos.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, considera que a situación que se está a dar en Cedeira non é propia destes tempos e evidencia así mesmo unha falta de respecto, por parte da Xunta de Galicia, a Cedeira e ao conxunto dos usuarios da sanidade pública. Rexeita como unha posible alternativa acudir ás consultas privadas, “porque nós apostamos pola sanidade pública”, e demanda da administración autonómica que se cubra a praza de pediatra e que ademais sexan atendidas outras necesidades tanto de espazo como de servizos que existen no centro de saúde local.

Segundo explica o texto da propia moción, a súa presentación obedece ao feito de compartir desde setembro os servizos de pediatría, responde tanto á nula vontade do Goberno galego á hora de reclamar máis prazas da devandita especialidade médica, como a unha política laboral e de contratación deficiente, que castiga aos profesionais do sector e que favorece a fuga dos pediatras galegos a outras comunidades autónomas.

Na iniciativa aprobada pola corporación cedeirense solicítase así mesmo o retraso da idade de xubilación dos pediatras, desenvolver un plan de contratación de profesionais de pediatría en atención primaria e acordar co Goberno central a axilización dos procesos de acreditación de prazas de novo ingreso nesta formación especializada, así como dotar dos recursos necesarios aos centros sanitarios para que exista a mellor cobertura posible en todo o proceso formativo.