Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O pleno de Cedeira aproba unha moción en defensa da sanidade pública

O PLENO DE CEDEIRA APROBA UNHA MOCIÓN EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA

O pleno de Cedeira aprobou na súa última sesión unha moción en defensa da sanidade pública. O asunto saíu adiante cos votos a favor do goberno municipal (PSOE, BNG e Anova), mentres que o PP votaba en contra por non recoñecer nin a existencia do conflito no sector da sanidade nin as demandas que se veñen esixindo por parte do Concello, da veciñanza e mesmo dos profesionais do centro de saúde de Cedeira, para garantir unha correcta atención primaria no centro asistencial da localidade, segundo declarou a primeira tenente de alcalde, María Xosé Rodríguez Pérez.

Coa aprobación da iniciativa, o Concello solicita á Xunta que rectifique a súa política con respecto a este dereito universal de maneira que incremente o orzamento destinado a sanidade, que convoque as prazas vacantes, que elimine as listas de espera e que elabore un plan de Mellora da Atención Primaria cunha dotación inicial de 200 millóns de euros.

Na lista de peticións tamén figura a necesidade de reverter as privatizacións e a xestión propia dos servizos sanitarios, a eliminación dos copagos farmacéuticos e a mellora con recursos e prestacións da asistencia sanitaria no ámbito local coa “contratación de substitutos facultativos de medicina xeral, de atención pediátrica e en xeral de todo o persoal preciso para manter o número de profesionais activos e garantir así o mellor servizo á cidadanía”.

Entre outros argumentos, o equipo de goberno expone que “a gravísima deterioración da sanidade pública é un dos temas que máis alarma social está a provocar na sociedade galega”, que “converter o dereito á saúde nun negocio para grupos afíns” é o obxectivo da política sanitaria que Núñez Feijóo está a aplicar desde a Xunta”, ademais de cuantificar en 2.188 millóns de euros os recortes acumulados desde o 2009 e de destacar a unanimidade que existe entre sindicatos, colexios profesionais, plataformas sanitarias, organizacións profesionais e doentes en denunciar a grave deterioración que están a provocar as políticas sanitarias do PP. No caso de Cedeira, esta postura crítica tamén se está a traducir en concentracións semanais diante do centro de saúde, unha convocatoria que conta habitualmente coa presenza de membros do equipo de goberno.