Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Pleno da Deputación aproba o Plan de conservación de vías provinciais, cun orzamento de 7,8 millóns de euros

O PLENO DA DEPUTACIÓN APROBA O PLAN DE CONSERVACIÓN DE VÍAS PROVINCIAIS, CUN ORZAMENTO DE 7,8 MILLÓNS DE EUROS

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe a primeira fase do Plan de conservación de vías provinciais para o 2018, dotado cun orzamento de 7.799.835 euros.

O deputado responsable da área de Vías e Obras da institución provincial, José Manuel Pequeño, explicou que este programa contempla a execución de traballos de mantemento, mellora do firme e reparación de fochancas nos máis de 2.000 quilómetros de estradas cos que conta a rede viaria da Deputación. Todas estas actuacións están destinadas a “mellorar as condicións de circulación, aumentar a seguridade viaria nas estradas coruñesas e reducir a sinistralidade”, afirmou.

Pequeño lembrou que ademais do Plan de conservación, a Deputación puxo en marcha o ano pasado un programa destinado exclusivamente á limpeza das estradas provinciais, dotado con 4 millóns de euros para o período 2017-2018. Por primeira vez, estas tarefas son obxecto dun contrato independente do Plan de conservación, co obxectivo de mellorar e axilizar este servizo no que se inclúe a limpeza das marxes de todas as estradas, para facilitar a visibilidade e a circulación, evitar a propagación de incendios e incrementar a drenaxe de augas pluviais.

A primeira fase do Plan de conservación de vías provinciais suporá un investimento de preto de 4.000 euros por quilómetro destinados integramente á reparación e mantemento das estradas dos concellos coruñeses, divididos en 36 grupos.

GRUPO DE ESTRADAS

ORZAMENTO

GRUPO 1A ORTIGUEIRA

295.940,46

GRUPO 1B CARIÑO

129.935,11

GRUPO 2 MAÑÓN E AS PONTES

243.399,51

GRUPO 3 CEDEIRA, CERDIDO E VALDOVIÑO

156.620,77

GRUPO 4 FERROL E NARÓN

179.068,83

GRUPO 5 MOECHE, SAN SADURNIÑO E AS SOMOZAS

369.335,11

GRUPO 6 ARES, FENE,MUGARDOS E NEDA

88.148,83

GRUPO 7 CABANAS, MIÑO, PADERNE E PONTEDEUME

221.006,31

GRUPO 8 IRIXOA, MONFERO E VILARMAIOR

305.410,91

GRUPO 9 OLEIROS E SADA

248.801,24

GRUPO 10 CAMBRE, BERGONDO E BETANZOS

293.337,52

GRUPO 11 ABEGONDO, CARRAL E OZA-CESURAS

291.889,84

GRUPO 12 ARANGA, BETANZOS, COIROS, CURTIS E OZA-CESURAS

277.441,08

GRUPO 13A FRADES, ORDES, OROSO E O PINO

194.045,53

GRUPO 13B BOIMORTO, MESÍA E VILASANTAR

309.875,16

GRUPO 14 MELIDE, SANTISO, SOBRADO E TOQUES

181.258,13

GRUPO 15 ARZÚA, BOQUEIXÓN, O PINO E TOURO

167.480,46

GRUPO 16 ARTEIXO, A CORUÑA E CULLEREDO

434.434,60

GRUPO 17 CARBALLO, CERCEDA E A LARACHA

352.819,22

GRUPO 18 CABANA, MALPICA E PONTECESO

309.958.38

GRUPO 19.- CAMARIÑAS, LAXE, MUXÍA E VIMIANZO

161.066,42

GRUPO 20.- CEE, CORCUBIÓN, DUMBRÍA E MAZARICOS

157.359,56

GRUPO 21 AMES, A BAÑA, NEGREIRA E VAL DO DUBRA

200.623,86

GRUPO 22 ORDES, SANTIAGO, TORDOIA, TRAZO E VAL DO DUBRA

282.070,43

GRUPO 23 MAZARICOS, MUROS E OUTES

224.857,29

GRUPO 24 BOIRO, LOUSAME E NOIA

208.099,18

GRUPO 25 BRION, DODRO, PADRÓN E ROIS

281.579,20

GRUPO 26 AMES, SANTIAGO,TEO E VEDRA

207.036,05

GRUPO 27 BOIRO E RIANXO

200.773,93

GRUPO 28 POBRA, PORTO DO SON E RIBEIRA

271.562,62

GRUPO 34.- DP 1914 CARBALLO A PORTOMOURO

167.793,73

GRUPO 35.- CORISTANCO, SANTA COMBA E ZAS

148.109,37

GRUPO 36.- D.P.3404.- SERRA DE OUTES A DUMBRÍA

238.696,60

TOTAL

7.799.835,24

Trámites para a construción das variantes en Pontigas e Cacheiras

O pleno da Deputación tamén aprobou iniciar o expediente de expropiación dos predios necesarios para a execución das variantes de Pontigas (Cedeira) e Cacheiras (Teo) e a mellora dunha intersección na DP 2502 de Valdoviño a Cerdido, que supoñen un investimento total de 273.723,32 euros.

No caso da modificación do trazado da DP2204 ao seu paso polo núcleo de Pontigas, no termo municipal de Cedeira, destínanse 124.101 euros ás expropiacións, que se inclúen nos 731.188 euros do orzamento total das obras.

Os traballos requirirán a ocupación de 16.000 metros cadrados de terras de monte, prado e labradío, co obxectivo de mellorar a estrada que conduce a un dos principais destinos turísticos da provincia, Santo André de Teixido. A variante, que terá unha lonxitude aproximada de 1,2 quilómetros, permitirá rodear o núcleo de Pontigas evitando as acumulacións de tráfico e mellorando notablemente a seguridade viaria na zona.

Por outra banda, o proxecto para a DP 8202 de Galanas a Cacheiras consistirá na construción dunha nova variante no núcleo de Cacheiras que contribuirá a mellorar notablemente a seguridade viaria na zona da igrexa e da escola infantil.

O tramo terá 4,2 quilómetros de longo e 9 metros de ancho. Deste modo, reducirase a perigosidade do trazado actual, que conta cunha dobre curva e ademais discorre moi preto das vivendas. O orzamento destas obras ascende a 316.336,52 euros, aos que se suman agora 138.543 euros para as expropiacións.

Por último, na DP2502, de Valdoviño a Cerdido, destínanse 11.077 euros á expropiación dos predios afectados pola mellora da intersección no punto quilométrico 0+675, no termo municipal de Valdoviño. Este proxecto, que ten un orzamento total de 175.398 euros, permitirá mellorar o cruce próximo ao CPI de Atios, no que estudan uns 500 rapaces do municipio, aumentando á seguridade viaria e dotando aos autobuses escolares do espazo suficiente para manobrar.

Manifestación en defensa da Sanidade Pública

Na sesión plenaria celebrada esta mañá, a Deputación tamén aprobou unha moción en defensa da Sanidade Pública cos votos favorables do BNG, PSdeG, Alternativa dos Veciños, Compostela e Marea Atlántica, e a abstención do PP.

A moción, proposta polas cinco agrupación políticas, foi presentada polo deputado de Marea Atlántica, Daniel Díaz, quen animou á cidadanía a participar na manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, o vindeiro día 4 de febreiro en Santiago de Compostela, en prol da defensa dun servizo fundamental como é o sistema público de atención sanitaria.

Durante as intervención dos portavoces, o deputado do BNG, Xosé Regueira, criticou a reforma da Lei de saúde pública aprobada pola Xunta de Galicia o pasado mes de decembro, e lamentou que o “novo modelo precariza a sanidade pública en beneficio da privada”, sinalando que “seguen a dar pasos cara a privatización total do sistema sanitario”.

“Estamos diante dun dos piares básicos do benestar, poucas cousas son tan importantes para unha sociedade como a sanidade pública” apostilou Regueira.

Pola súa parte, o portavoz do Partido Popular, Agustín Hernández apelou a “prudencia”, e lamentou a “politización da manifestación”. Así, subliñou que “existen datos que acreditan o bo funcionamento da Sanidade Pública Galega”, un sistema, incidiu, “cen por cento público”.

Apoio a “Ponte… nas ondas!” como patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco

No pleno aprobouse tamén unha declaración institucional que recoñece o traballo desenvolvido desde a asociación cultura e pedagóxica “Ponte…nas ondas! na preservación e salvagarda do patrimonio inmaterial galego portugués e manifesta o seu apoio para que sexa inscrita na Lista das Mellores Prácticas co patrimonio Cultural e Inmaterial da Unesco.

“Ponte… nas ondas!” naceu en 1995 e ten entre os seus fins promover actividades culturais e pedagóxicas así como fomentar a identidade común dos dous pobos dentro dunha perspectiva xeral de integración europea e do mundo lusófono. En 2002 comezaron a traballar para recuperar e difundir o Patrimonio Cultural común aos pobos galego e portugués.

Homenaxe ás vítimas do Holocausto

Como declaración institucional co apoio de todos os grupos foi tamén aprobada no pleno da Deputación unha iniciativa que insta a todas as administración públicas a elaborar, divulgar e fomentar os programas educativos que difundan entre as xeración futuras a ensinan do Holocausto, co fin de axudar a previr actos de xenocidio no futuro.

A declaración apróbase arredor da conmemoración o 27 de xaneiro como Día Internacional en memoria das vítimas do Holocausto, designado en 2005 pola ONU, na data en que se fai o aniversario da liberación en 1945 do campo de concentración e exterminio nazi situado en Birkenau, Auschwitz e tamén da celebración do Día Escolar pola Non violencia e a Paz o 30 de xaneiro.

A iniciativa rexeita e condena a negación, total ou parcial, do Holocausto como feito histórico. A declaración lembra tamén que “entre os millóns de vítimas internadas e asasinadas nos campos de exterminio do réxime nazi, atopábanse milleiros de persoas da cidadanía galega e española de ideoloxía republicana, que padeceron dor e morte, coa necesaria complicidade da ditadura franquista”.

Fonte: Deputación da Coruña

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN O Pleno da Deputación aproba o Plan de conservación de vías provinciais, cun orzamento de 7,8 millóns de euros