O PLENO APROBOU ONTE UN REMANENTE DE TESOURERÍA POR IMPORTE DE 539.897 EUROS

A corporación municipal de Cedeira celebrou onte o pleno correspondente ao presente mes de xullo, unha sesión que arrincaba pasadas as oito da tarde e na que saíron adiante temas de moi diferente contido. A aprobación dun remanente de tesourería, por importe de 539.897,77 euros, foi uns dos que espertou maior interese. O acordo saiu adiante co apoio do equipo de goberno.

O 42% da citada cantidade emplearase en amortizar a débeda, o que vén sendo case 227.000 euros. Os restantes 312.952 euros serán utilizados para facer fronte aos gastos derivados de novas inversións e iniciativas. Así, o primeiro pago para a adquisición do edificio das sindicais (24.396,44 euros), a reparación de pistas (123.760,46 euros), a reposición de alumeado (30.000 euros) e a reforma da estación de autobuses encentro municipal da xuventude (25.000 euros) son algunhas das partidas previstas. A compra dun terreo en San Antón (10.000 euros) e gastos relacionados coas festas patronais (19.000 euros) son outras das inversións que o goberno de Cedeira financiará con cargo a esta partida.

En canto á amortización da débeda, o executivo local considera que é “de responsabilidade” utilizar un resultado tan favorable no económico para tratar de reducir os compromisos financeiros, unha postura que levará ao Concello a liquidar a débeda relacionada co proxecto de ampliación da biblioteca municipal.

A corporación tamén aprobou, neste caso por unanimidade, a tramitación dunha subvención diante do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) para a substitución de 2.138 luminarias convencionais por outras con sistema Led. Trátase, segundo o goberno, de apostar polo medio ambiente, por diminuír custos enerxético e contribuír a unha rebaixa da contaminación lumínica. Esta medida completaríase coa reforma dun total de 50 cadros eléctricos do sistema público de alumeado. O importe de ámbalas dúas intervencións é de 1,4 millóns de euros, unha cantidade que sobrepasa en moito a capacidade económica do Concello e da que a administración local só tería que poñer un 20% no caso de resultar aprobada a solicitude.

O pleno aprobou ademais as bases da subvención para gastos de funcionamento das Escolas de Música de Cedeira. Con dito acordo pásase do modo directo aplicado ata agora á fórmula de concorrencia competitiva para a referida axuda. Trátase dunha convocatoria aberta a todas as asociacións culturais municipais inscritas no Rexisto de Asociacións do Concello de Cedeira.

Tamén saiu adiante a moción de apoio ao veciño e exdirixente sindical Xesús Anxo López Pintos e rexeitando a aplicación da chamada “lei mordaza”.