Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O PALACETE MUNICIPAL ACOLLE A EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA “NÓS TAMÉN FOMOS EMIGRANTES”

Ao igual que os informativos de hoxe en día adoitan amosar imaxes de inmigrantes que chegan ás costas españolas ou europeas, houbo un tempo no que os xornalistas informaban a cotío da saída dos nosos nacionais na procura dun futuro mellor. A axencia EFE conta cun nutrido arquivo de fotografías que documentan este fenómeno durante os anos 50 e 60 en España, e dentro dela con moito protagonismo en Galicia. A exposición “Nós tamén fomos emigrantes”, que ofrece unha escolma daquelas instantáneas, chega ao Palacete Municipal de Cedeira, onde poderá ser visitada desde onte, xoves 22 de outubro, ata o 21 de novembro.

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e a concelleira de Cultura, Ermitas García Ríos, partiparon onte nun sinxelo acto de apertura -coa limitación de aforo e todas as medidas de seguridade precisas- xunto con José Manuel Vilariño, responsable de Banca Institucional A Coruña Abanca, e Cristina Herva, directora da oficina de Abanca en Cedeira.

Cedeira é o primeiro concello de toda a zona de Ferrolterra que acolle esta mostra, posta en marcha por Afundación -Obra Social de Abanca- no marco do seu programa “Corrente Cultural”, dirixido a levar diferentes propostas culturais fóra das súas sedes e salas de exposicións.

Son en total 40 fotografías en blanco e negro, seleccionadas entre os milleiros que documentan o fenómeno da emigración no arquivo de EFE, que dan pé a reflexionar sobre as moitas caras deste fenómeno ao que está ligada a historia de tantas familias galegas.

O horario de apertura da exposición, durante o que resta do mes de outubro será de 09.00 a 14.00 horas, de luns a venres; as tardes de martes a venres de 17.00 a 19.00 horas, e os sábados de 11.00 a 14.00 horas. No mes de novembro manterase unicamente o horario de mañá.