Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O número 12 do boletín “As7parroquias” xa está na rúa con temas de actualidade e interese social

O NÚMERO 12 DO BOLETÍN “AS7PARROQUIAS” XA ESTÁ NA RÚA CON TEMAS DE ACTUALIDADE E DE INTERESE SOCIAL

O Concello de Cedeira xa está a repartir entre a veciñanza o número 12 do boletín “As7parroquias”, unha publicación editada polo goberno municipal para acercar a actividade municipal aos veciños e veciñas da localidade.

Neste último exemplar do boletín, que está na rúa desde o ano 2016, os lectores poden atopar temas de moita actualidade como a campaña de recollida de firmas en demanda da construción dun centro de día ou a datación do monumento con forno que sitúa ao xacemento de Campo do Castro no século III a.C. Noutras páxinas, a publicación aborda novidades de interese social, entre os que cabe destacar a compra de camas xeriátricas para cedelas gratuitamente ás persoas que as poidan necesitar e o plan que o goberno local está a levar a cabo coa intención de recuperar elementos da arquitectura popular como poden ser os lavadoiros e as fontes públicas.

A través do boletín a veciñanza tamén pode estar ao día dos proxectos que aínda están por vir dentro do presente mandato. A realización do estudio de impacto ambiental para evitar a deterioración que está a sufrir a praia da Madalena e o proxecto de rehabilitación da antiga cetaria do Sarridal están entre os máis importantes. Aínda que o lugar máis destacado deste número está reservado á concesión do título de fillo predilecto a Álvaro Porto Dapena, un recoñecemento que ocupa o principal oco da portada e mesmo da páxina 5.

Pode descargar o boletín na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Boletín “As7parroquias” nº 12