Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Nadal acenderase hoxe na vila de Cedeira

O Concello de Cedeira programa para a tarde de hoxe o acto de acendido da iluminación de Nadal, unha iniciativa que coincidirá co que se levará a cabo nos máis de 175 establecementos que este ano e por primeira vez participan nunha campaña de promoción do comercio e da hostalería da localidade. Esta iniciativa consiste en sorteos de vales de compra, luces de cor branca en todos os locais e unha pequena árbore á porta, ademais dun cartel identificativo, verde e vermello, como as rifas. Un total de 2.000 euros é o diñeiro a repartir entre os consumidores que aposten polo comercio local para facer as compras de Nadal ou para gozar da gastronomía local durante as celebracións de Nadal.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, destacou que “se trata de poñer de manifesto a colaboración que existe entre o executivo local e os profesionais destes sectores”, ao tempo que anunciaba novidades coas que se buscará sorprender a veciños/as e visitantes, porque “o noso interese é a posta en valor do comercio local como promotor da economía local”, apuntou o rexedor.

Por outra parte, adiantou que un total de trinta arcadas, unha árbore na praza do Peixe, unha bóla de gran tamaño na praza Roxa e renos e arcos luminosos en distintos puntos da vila serán os elementos decorativos que axudarán a crear o ambiente axeitado para as celebracións que están por vir.

Como en anteriores ocasións, o executivo cedeirense volveu apostar pola tecnoloxía Led para buscar a máxima eficacia coa menor contaminación posible, unha política que tamén está a aplicar no conxunto da rede de iluminación pública.