Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O MUSEO MARES DE CEDEIRA OFERTA VISITAS SOBRE AS ARTES DE PESCA E ORGANIZA UNHA MESA REDONDA SOBRE SUSTENTABILIDADE

O PROXECTO “CEDEIXURA-PESCA DE COSTA”, financiado polo GALP A MariñaOrtegal e o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca está coordinado pola CONFRARÍA DE PESCADORES DE CEDEIRA, tendo como socio ao CONCELLO DE CEDEIRA. Ten como cometido darlle visibilidade á calidade diferencial da pesca de baixura e do marisqueo, implicando ademais, neste obxectivo, ao sector hostaleiro.

Así, no pasado mes de xuño, celebráronse diversos “showcooking profesionais” nos que participaron Iñaki Bretal, Estrela Michelín 2021 e Miguel A. Campos ex-presidente, do Grupo Nove. Nestas sesións formativas, que estiveron dirixidas aos establecementos hostaleiros de Cedeira, xa se explicaba como son os procesos de extracción, o control da calidade e a garantía da trazabilidade, de cara á elaboración de propostas culinarias, baseadas en produtos da pesca de costa e do marisqueo.

En agosto, tamén tivo lugar a regata de traiñeiras, na que se promoveu a imaxe de marca “Pesca de Costa” durante o evento, como acción de sensibilización sobre a calidade diferencial dos produtos mariños de Cedeira, nun encontro deportivo de gran afluencia de público e con gran recoñecemento na identidade do pobo.

Agora, no mes de setembro, o proxecto continúa con actuacións de sensibilización sobre a sustentabilidade e as características da extracción artesanal. Deste modo, prográmanse unha serie de visitas guiadas sobre as artes de pesca utilizadas para a pesca de baixura (volanta, rascos, palangre, miños), que terán lugar no Museo Mares de Cedeira.

Nas salas do museo pódense observar distintos aparellos de pesca (garabetas, caceas, nasas, redes, mallas…) e maquetas de barcos, ademais de embarcacións tradicionais, de carpintería de ribeira.

Ademais, o Museo Mares de Cedeira, ten programado para o venres 24 de setembro ás 18,00 horas unha mesa redonda titulada “Responsables co mar”, na que participaran dúas mulleres da xunta directiva da “Asociación Museo Mares de Cedeira”, Isolina Díaz Novo e María del Carmen Pérez Muíño, Iria Freire Pérez, a bióloga da Confraría, ademais do colectivos de mariscadoras, percebeiros e diversos representantes de oficios relacionados co mar.

Tanto para obter máis información deste encontro, como para reservar prazas para as visitas guiadas, que están limitadas a un total de 20 persoas por grupo, pódese contactar co Museo mediante o seguinte correo electrónico: museomaresdecedeira@gmail.com