Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O MUSEO MARES DE CEDEIRA DIFUNDE A PESCA DE BAIXURA E O MARISQUEO (PROXECTO CEDEIXURA), CON VISITAS GUIADAS ESPECÍFICAS DURANTE ESTE MES DE NOVEMBRO.

O Museo Mares de Cedeira organiza dentro das súas actividades e neste caso como colaboración no Proxecto Cedeixura, visitas guiadas “á carta” para todas aquelas persoas que queiran coñecer polo miúdo o traballo diario dos homes e mulleres do mar de Cedeira na realización de actividades de pesca de baixura e marisqueo, os seus medios de traballo e as artes de pesca para conseguir as capturas. Estas visitas terán un aforo máximo de 4 persoas por grupo, dadas as restricións por mor da pandemia do COVID 19. Para reservar praza, cómpre enviar un correo electrónico a maresdecedeira@gmail.com

Durante estas visitas, poderase gozar dun pequeno audiovisual realizado por mariñeiros no que se amosa a pesca de volanta dende un barco de Cedeira. Ademais, as persoas asistentes terán ocasión de coñecer os detalles das artes de pesca utilizadas na pesca de baixura e as súas condicións artesanais como son a volanta, os rascos, o palangre, miños e nasas, observando os materiais no propio museo e descubrindo anécdotas e datos de gran curiosidade sobre este oficio.

Estas visitas enmárcanse dentro do proxecto “Cedeixura, visibilidade da calidade diferencial da pesca de baixura e do marisque en Cedeira”, que lidera a Confraría de Pescadores de Cedeira e na que colabora o Concello de Cedeira, unha iniciativa financiada polo GALP A Mariña Ortegal e que se desenvolverá ate 2022. Cedeixura ten por cometido amosar a trazabilidade da extracción e comercialización e as súas garantías, implicando ao sector da hostalería na posta en valor dos produtos mariños e ao tecido asociativo da vila para achegar a diversos públicos (escolares, hostaleiros, público en xeral) os beneficios da pesca sustentable como elemento de desenvolvemento económico e como recurso de consumo responsable e saudable. As accións da anualidade 2020 comezaron o pasado mes de outubro, coa creación dunha imaxe gráfica para o proxecto que se lanzará ao público baixo o lema “Pesca de Costa”.