Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Ministerio anuncia para este ano a contratación do estudio de avaliación ambiental da praia

O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, mantivo senllas reunións de traballo co responsable da Subdirección General para la Protección de la Costa, Ángel Muñoz Cubillo, en Madrid e co Xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil Apenela, para avanzar na realización do Estudio de lmpacto Ambiental do areal da Madalena, así como para a realización do proxecto de recuperación da antiga cetaria do Sarridal, paralizado desde o ano 2010 por unha decisión técnica.

En ámbolos dous casos, a resposta dos representantes do Ministerio para la Transición Ecológica foi claramente positiva e de especial relevancia para os intereses da veciñanza local, segundo Pablo Moreda.

Tanto Ángel Muñoz como Rafael Eimil confirmaron ao alcalde que a contratación do estudio no que se basará a rexeneración da praia producirase antes de que finalice este ano e que o proxecto de recuperación da cetaria segue a ser de interese para o Ministerio. Así, os servizos técnicos veñen de autorizar a intervención, na que o Concello está disposto a asumir o 20 % do seu custo.

No seu momento, o Ministerio barallou ao redor dos 300.000 euros para a realización dunha obra que o goberno valora de maneira moi especial “porque pon de manifesto as nosas raíces e porque se atopa nunha zona de gran valor patrimonial”, segundo o rexedor municipal. Moreda Gil tamén apuntou que “a conservación do patrimonio local está a ser unha das prioridades do equipo de goberno”. O proxecto para a recuperación da cetaria require, por parte de Costas, unha addenda para actualizar o prezo e para corrixir o que indicaba o informe técnico.

En canto á rexeneración ambiental da praia da Madalena, o alcalde cualificou de “moi boa noticia” o anuncio feito por parte dos responsables do Ministerio con respecto á contratación da redacción do documento de avaliación de impacto ambiental, un paso moi importante cara aos obxectivos que se seguen a defender desde o goberno, a veciñanza a Plataforma en Defensa da Ría de Cedeira e mesmo por parte do PSOE, BNG, Anova e Cedeira pola Esquerda.

O alcalde sinalou a alarma e preocupación que o estado da praia chegou a xerar entre a cidadanía e recordou que a postura unánime de todos os sectores foi coñecer a orixe do problema antes de actuar sobre o mesmo. O impacto ambiental aclarará todas estas cuestións para garantir “unha praia para toda a vida, que é o que realmente queremos”, apuntou o rexedor municipal.