Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O III Festival de música Galego-Portuguesa chega aos seus días centrais con sete importantes citas

O III FESTIVAL DE MÚSICA GALEGO-PORTUGUESA CHEGA AOS SEUS DÍAS CENTRAIS CON SETE IMPORTANTES CITAS

O Festival de Música Galego-Portuguesa de Cedeira, que arrancou o día 1 coa presentación do proxecto “O colo das palavras” e que o domingo deu lugar á proxección do documental “Fado Camané”, chega aos seus días centrais cunha programación ateigada de charlas, concertos e conversas e co fado como protagonista.

A sala Áncora acollerá hoxe, ás 20.30 horas, o concerto “Pessoa e o fado: fontes para un proxecto pop-rock”, que correrá a cargo do músico e actor Gonçalo Guerreiro.

A actividade do venres trasladarase ás 19.30 horas ao hotel Herbeira no que a cantante Ana Pinhal e o músico Javier Carrasco conversarán sobre a música e -a partir das 22.00 horas- ao auditorio municipal, no que terá lugar o concerto “Cedeira canta fados”. Nesta última cita actuarán a Coral Eixil, a agrupación Acordeóns Cedeira, as Cantareiras de Buxainas e a formación Fado Norte. A xornada rematará coa actuación do grupo Clave de Fado sobre o escenario do auditorio. Será a partir das 23.00 horas.

A programación do sábado arrancará ás doce do mediodía cunha charla na biblioteca do auditorio. “Trouxeran muitas amizades também” é o titulo dun encontro no que o investigador permanente na Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo, Burgkard Baltrusch, fará un repaso documentado e detallado da historia lusófona. Xa pola noite, a partir das 22.30 horas, o grupo Fado Violado actuará no auditorio municipal.

E despois de máis de dez actividades ao longo de case dúas semanas, o III Festival de Música Galego-Portuguesa botará o peche o próximo domingo, día 9, coa actuación do grupo Cando D´Aquí (Braga) e da banda Vila de Cedeira no auditorio municipal, a partir das 19.30 horas.

Cabe recordar que a participación é libre e gratuíta, así como a asistencia aos conciertos