Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O GRUPO MUÍÑO DO VENTO OFRECE ESTE SÁBADO A TERCEIRA E ÚLTIMA FUNCIÓN DO CICLO DE TEATRO FUSA GUILLÉN

A actuación do grupo ferrolán Muíño do Vento porá fin este sábado ao I Ciclo de Teatro Afeccionado Fusa Guillén, un programa que rende homenaxe a importante papel que a dramaturga, cedeiresa de adopción, xogou na dinamización da vida cultural da localidade. Desta volta, o Auditorio acollerá, ás 20.00 horas, a representación “Unha obra para un barrio”. A entrada será gratuíta ata completar aforo.

A asociación sociocultural Muíño do Vento naceu en 2012 no barrio ferrolán de Canido co devezo de reanimar e dinamizar o barrio en todos os seus aspectos, desde o urbanístico ata o cultural. O grupo de teatro é un dos seus brazos e “Unha obra para un barrio”, a peza coa que reapareceu este ano nos escenarios despois do parón da pandemia. O pasado mes de xuño estreou esta comedia, escrita e dirixida por Agustín Bolaños, na que oito mulleres bravas tentan conseguir cartos do concello para facer actividades que animen o seu barrio. Montar unha obra de teatro é a solución, pero o plan sofre un revés cando o director abandona e elas quedan soas ante a tarefa de ensaiar e presentar a función diante da veciñanza.

A proposta de Muíño do Vento foi unha das tres seleccionadas polo xurado do I Certame de Teatro Afeccionado Fusa Guillén, en Cedeira, entre as cinco que concurriron á convocatoria.