O GOBERNO PROPORÁ Á XUNTA UNHA POSIBLE PARALIZACIÓN CAUTELAR DAS OBRAS DE SANEAMENTO DURANTE AS FESTAS

O goberno de Cedeira pide desculpas a veciños e visitantes por coincidir as obras de saneamento que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está a realizar nas avenidas Castelao e da Area coas festas patronais, ao tempo que anuncia a súa intención de mediar ante a Xunta para unha posible paralización cautelar dos traballos durante as celebracións locais, que comezan este venres e finalizarán o día 17.

O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, recordou que a execución destas intervencións obedece ao convenio que o Concello firmou en xullo de 2016 coa titular da devandita Consellería, Beatriz Mato, e explicou que, por conseguinte, tamén é á administración autonómica á que lle corresponde tanto a licitación das obras como a contratación das mesmas, así como o inicio das obras de acordo coa empresa adxudicataria.

Moreda entende o posible malestar da veciñanza e dos propietarios de negocios pero non así as críticas do grupo municipal do PP, “xa que os seus responsables terían que saber que o Concello está totalmente ao marxe dunhas intervencións que deron comezo esta mesma semana”.

No verán de 2016 a Xunta asinaba un convenio de colaboración co Concello de Cedeira polo que a administración autonómica se comprometía a investir 722.650 euros, con cargo a fondos europeos, co obxectivo de mellorar o saneamento desta localidade. As actuacións contempladas no documento incluían a construción dunha nova rede separativa de augas pluviais e residuais no casco urbano e a renovación do tramo de colector que ten a seu punto de orixe no polígono da Xunqueira.