Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O goberno municipal destaca a boa sintonía co Sergas cara a ampliación do Centro de Saúde

O GOBERNO LOCAL DESTACA A BOA SINTONÍA CO SERGAS CARA Á AMPLIACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE

O goberno de Cedeira segue a dar pasos firmes cara á ampliación do Centro de Saúde. Onte mesmo o alcalde, Pablo Moreda Gil, reuníase co xerente de Xestión Integrada de Ferrol, Ángel Facio Villanueva, para darlle a coñecer o acordo plenario que deu lugar á adquisición de propiedades anexas ao actual edificio e para analizar, de forma conxunta, os trámites e as accións precisas para dotar de máis recursos sanitarios á vila de Cedeira.

Así, o Concello xa remitiu hai uns días a Patrimonio da Xunta de Galicia a documentación relativa á compra de tres plantas do edificio das vivendas sindicais que, xunto ás que xa eran propiedade do Concello, serán cedidas á Consellería de Sanidade e que incrementarán ata nun 40% o espazo construtivo do actual Centro de Saúde, un servizo asistencial falto de recursos para facer fronte ás necesidades reais da veciñanza e mesmo dos visitantes e turistas ocasionais.

Desde o equipo de goberno destácanse, entre outros problemas, as deficiencias estruturais no servizo de urxencias (PAC), a falla dunha sala acondicionada para cirurxía menor, a necesidade de reubicar a área de pediatría e mesmo a de mellorar a accesibilidade á zona de consultas. No encontro de onte tamén se acordou celebrar unha reunión conxunta entre técnicos da Xunta e do Concello, unha vez que estean resoltos todos os trámites, así como unha posible visita á vila de Cedeira do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, para analizar sobre o terreo a necesaria ampliación do actual Centro de Saúde.

O goberno municipal destacou a “boa sintonía” que hai entre o Sergas e o executivo local para acometer o proxecto de ampliación e expresou a satisfaccion que a día de hoxe existe entre os responsables municipais polos avances conqueridos cara á consecución dun obxectivo “bo para o pobo e necesario para garantir unha sanidade de calidade”.

O acordo plenario que deu lugar á compra das tres plantas do edificio das sindicais foi adoptado por unanimidade na sesión celebrada o día 26 de decembro e a compra pechouse pola cantidade de 60.913,93 euros. A planta baixa, a terceira e o baixo cuberta que foron adquiridas polo Concello eran propiedade da Consellería de Medio Rural.