Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O GOBERNO LOCAL PROXECTA A CREACIÓN DUN ESPAZO VERDE E DE LECER NA ZONA DAS “CASAS BARATAS”

O goberno local de Cedeira solicitou á Xunta de Galicia unha subvención que permitirá cofinanciar a creación dunha nova zona verde e de lecer nunha parcela situada na rúa Silva, nas inmediacións das chamadas “Casas Baratas”. A intervención, segundo explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, vai rexenerar un espazo actualmente degradado e desaproveitado para convertilo nun lugar de encontro. “Esta é outra actuación dirixida a facer de Cedeira un lugar máis amable para os veciños e veciñas, especialmente para as persoas maiores, que adoitan compartir as tardes nos parques da vila cando a meteoroloxía o permite”, explicou.

O presuposto de execución ascende a 60.457,23€ e a subvención solicitada á Xunta, no marco dun programa para a mellora de infraestruturas e servizos municipais, ascendería a 40.000€. A intervención proxectouse para unha parcela con forma de triángulo que está no número 26 da rúa Silva, precisamente onde se bifurca a rúa principal coa travesía do mesmo nome.

Son 73 metros cadrados nos que se prevé plantar vexetación e árbores e colocar unha zona de bancos, cunha estrutura de cuberta parcial para facer máis confortable o tempo de lecer que pasen alí os veciños e veciñas, protexéndoos da choiva ou o sol. Tamén haberá un aparcamento de bicicletas e se renovarán as beirarrúas existentes, proporcinándolles un ancho que garanta unha boa accesibilidade para os peóns.

Na base do “triángulo” no que se vai actuar está a fachada cega dun edificio. O proxecto contempla utilizala para pintar un mural artístico, unha nova obra de street art, que será consensuado cos propietarios e inquilinos de dito inmoble por parte do Concello de Cedeira.