Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O GOBERNO LOCAL CELEBRA QUE COMECEN AS OBRAS DE MELLORA DA ESTRADA AC-566

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade informou onte do comezo das obras na AC-566, unha intervención que vai consistir na redefinición do seu trazado ao longo de 4km. O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, celebra que por fin estea en marcha esta actuación, longamente demandada pola administración local e a cidadanía de Cedeira.

As obras foron adxudicadas en setembro pasado á empresa López Cao por 3,6 millóns de euros e van servir para rectificar as curvas máis perigosas e dotar dun terceiro carril á estrada nalgúns tramos, de xeito que mellorará sensiblemente a seguridade vial e se recortará o tempo de viaxe nun 30%.

Moreda Gil recorda que durante máis dunha década os sucesivos gobernos municipais e a veciñanza de Cedeira reclamaron esta intervención, xunto co Concello de Valdoviño, e que foi en 2015 cando comezaron as reunións coa Xunta. O alcalde subliñou que unha mellor conexión de Cedeira por estrada contribuirá á dinamización económica da vila.