Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O goberno de Cedeira convoca unha concentración pola situación que se está a vivir no centro de saúde

O GOBERNO DE CEDEIRA CONVOCA UNHA CONCENTRACIÓN POLA SITUACIÓN QUE SE ESTÁ A VIVIR NO CENTRO DE SAÚDE

O goberno de Cedeira convoca para ás 11.30 do próximo martes, día 14 de agosto, unha concentración diante do centro de saúde. As razóns son as mesmas que motivaron una mobilización en outubro pasado: a falta de persoal suficiente para atender o incremento de poboación que se produce durante os meses de verán. A anterior mobilización foi secundada masivamente pola veciñanza, políticos e facultativos.

O executivo local entende que o “Sergas lonxe de actuar en consecuencia, non é quen de prevelo nin de remedialo” e considera totalmente insuficiente que “tanto na segunda quincena de xullo como na primeira de agosto, o centro de saúde de Cedeira ten tres médicos para cubrir as cinco prazas e un pediatra a media xornada dous días á semana compartido con Valdoviño, así como unha media de sete días para unha cita de atención primaria”. Os responsables municipais reivindican que se cubra a falta de persoal, un servizo de pediatría continuado e que desaparezan as listas de espera.

O goberno municipal, ademais de recordar o acontecido recentemente no PAC da Estrada, invitan tanto aos veciños como aos visitantes a tomar parte na concentración “porque non estamos polo labor de aturar máis esta situación que afecta tanto aos profesionais que traballan no centro como aos seus usuarios”, recordando que estes son a poboación permanente e tamén a esporádica.