Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O consorcio galego de igualdade da o visto bo á ampliación da escola infantil

O CONSORCIO GALEGO DE IGUALDADE DA O VISTO BO Á AMPLIACIÓN DA ESCOLA INFANTIL E AUTORIZA AO CONCELLO A CONTRATAR O PROXECTO TÉCNICO

O Concello de Cedeira segue a avanzar na súa idea de ampliar a escola infantil para acabar coas listas de espera no servizo. Hoxe mesmo o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, comunicou ao alcalde, Pablo Moreda Gil, e á primeira tenente de alcalde, María Xosé Rodríguez Pérez, a aprobación por parte dos técnicos do Consorcio do proxecto que previamente foi consensuado co Concello para levar a cabo a obra e autorizou á administración local a contratar a redacción do mesmo.

Na reunión, que tiña lugar ás once da mañá en Santiago, tamén se chegou a un acordo con respecto ao financiamento, de maneira que o Concello, ademais de asumir ao 100% os gastos que se poidan derivar da redacción do proxecto, aportará un tercio do custo da obra, cuxa contía rondará os 139.000 euros, segundo unha estimación inicial.

Ambalas dúas administracións tamén acordaron incluír nos próximos orzamentos as cantidades coas que contribuirán á execución do proxecto e volver a quedar de cara ao próximo mes de setembro para facer un seguimento do proceso. Este permitirá mellorar de maneira moi significativa a escola infantil coa ocupación dun segundo edificio, de propiedade municipal, para incrementar o número de alumnos e ampliar algunhas das estancias.

O equipo de goberno agradece aos responsables do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar a sensibilidade que están a demostrar neste tema e mostra a súa confianza en que a obra sexa unha realidade no menor tempo posible.