Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Consorcio aproba os proxectos básico e de execución que darán lugar á ampliación da escola infantil de cedeira

O CONSORCIO APROBA OS PROXECTOS BÁSICO E DE EXECUCIÓN QUE DARÁN LUGAR Á AMPLIACIÓN DA ESCOLA INFANTIL DE CEDEIRA

O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, e máis a concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez Pérez, e o titular de Educación, Robustiano Labraña, reuníronse hoxe co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, para seguir avanzando na resolución dos trámites que darán lugar á ampliación da escola infantil.

Como resultado do encontro cabe destacar a aprobación por parte do Consorcio dos proxectos básico e de execución realizados polo Concello en base ás directrices marcadas desde o propio Consorcio, así como o compromiso, por ámbalas dúas partes, de manter un novo encontro a mediados do próximo mes para fixar os termos do convenio para acometer as obras. A actuación está valorada en 141.000 euros, dos que o Concello asumirá unha terceira parte do custo da redacción do proxecto e mesmo tamén da ampliación da gardería. Nesa nova xuntanza, o representante da Xunta xa ten previsto presentar un borrador do convenio.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, non ocultou a súa satisfacción de ver como segue a andar unha das prioridades do equipo de goberno para o presente mandato, ademais de destacar que tanto por parte da Xunta como do executivo local “se están a cumprir os compromisos” que farán posible que a vila teña unha escola infantil en función das necesidades reais das familias. Moreda destacou a implicación neste proxecto do goberno local, que foi quen de modificar de uso da propiedade para evitar calquera atranco, e reiterou que o Concello asumirá a financiación da súa parte con cargo aos orzamentos do próximo ano, mentres que a Xunta ten previsto facelo a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

A ampliación da escola infantil suporá engadir un total de 105 metros cadrados máis ás actuais instalacións coa ocupación dun segundo edificio de propiedade municipal e a adecuación das instalacións agora en uso ás condicións impostas desde o Consorcio. Así, no edificio en uso construiranse un aseo de uso público, un despacho, unha sala de mestres e un segundo baño con cambiador incorporado. Na segunda edificación, a reforma dos 105 m2 pasa pola creación dunha aula para nenos de 2-3 anos, un aseo para cativos de tres, unha cociña con despensa de máis de quince metros cadrados, un distribuidor e un acceso á primeira planta. O proxecto complétase con cambios tamén no exterior da escola infantil, entre outros, novos accesos e a creación de máis espazos de xogos.