O CONDOMIÑAS, UN SEÑOR RÍO

Continúa o desbroce da ribeira do río Condomiñas, así como a retirada do seu cauce tanto do arbolado morto que dificulta o seu decorrer e propicia os desbordes en certas épocas do ano como de grandes cantidades de plásticos e todo tipo de enseres que remataron alí polo incivismo dunha minoría con nula sensibilidade medioambiental e que pensa que o río é unha esterqueira.

Trátase do treito que comeza na ponte da Acea, augas arriba, e que permite o paseo ao longo de case dous kilómetros, aínda que con certas dificultades que se irán solucionando pouco a pouco. O polígono da Xunqueira segue a ser un obstáculo insalvable pola marxe esquerda (un par de naves impiden o paso), polo que se recomenda iniciar o percorrido pola marxe dereita e cruzalo por algunha das dúas pontelas existentes, que se irán mellorando co tempo e cuxo número se verá incrementado.

Convidamos a todo o mundo a que desfrute do paseo, dos paxaros, peixes e árbores de gran porte. O río parece outro, mesmo máis grande e espectacular agora no outono. Non podemos volver tolerar que a maleza nos prive deste noso pequeno paraíso.