Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O concurso de tapas de outono comeza hoxe en 13 locais de hostalería de Cedeira

Costela de porco con champiñóns; arroz cremoso de boletus, castaña e cristal de grelos con crocante de castaña; tosta de cogomelos e gulas, e milfollas de lombo con champiñóns, compota de mazá de tempada, queixo e crocante de panceta son só catro das tapas que veciños e visitantes poderán degustar esta fin de semana en trece establecementos de hostalería da vila de Cedeira.

Son os participantes na segunda edición do concurso de Tapas de Outono co que o goberno municipal busca exaltar os produtos locais de tempada e máis darlle visibilidade á hostalería da localidade.

As consumicións, a modo de petisco, serviranse desde as 20.30 horas de hoxe venres ata as catro da tarde do domingo, día 27. O prezo por unidade será de 1,5 euros.

O xurado estará formado polas persoas que proben as tapas e para poder participar só é preciso cubrir a tarxeta de votación que haberá en todos os locais participantes.

A organización establece o feito de degustar cinco propostas distintas para poder emitir o voto. Serán os propios encargados dos locais os que terán que selar ou asinar a tarxeta de votación para validala e, aínda que se recomenda probar todos os petiscos e conseguir o maior número de selos, só será posible votar por cinco dos locais visitados. Non se pode repetir unha puntuación, que vai de 1 a 5 puntos e só se admitirá unha tarxeta por persoa sempre que cumpran os requisitos esixidos.

Todos aqueles que participen cun voto válido serán incluídos no sorteo dunha cea para dúas persoas no local gañador do concurso.