Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello xa ten listo o proxecto base de execución para a ampliación da Escola Infantil, valorado en 141.000 euros

O CONCELLO XA TEN LISTO O PROXECTO BASE DE EXECUCIÓN PARA A AMPLIACIÓN DA ESCOLA INFANTIL, VALORADO EN 141.000 EUROS

Case 105 metros cadrados de superficie son os que se engadirán á actual gardería coa execución do proxecto de ampliación que o Concello de Cedeira xa ten listo e que só está á espera da reunión coa xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para fixar os termos económicos do convenio a asinar entre ámbalas dúas administracións. O executivo local ten solicitado o encontro desde o pasado mes de setembro. En conversas anteriores co responsable do Consorcio, Perfecto Rodríguez, falouse de que Concello asumirá unha terceira parte do custo da redacción do proxecto e da obra.

A realización desta intervención, cuantificada en algo máis de 141.000 euros (IVE incluído), representará a ocupación dun segundo edificio anexo ao actual e a adecuación das instalacións agora en uso ás condicións impostas desde o Consorcio. Así, no actual edificio construiranse un aseo de uso público, un despacho, unha sala de mestres e un segundo baño con cambiador incorporado. Na segunda edificación, a reforma dos 105 m2 pasa pola creación dunha aula para nenos de 2-3 anos, un aseo para cativos de tres, unha cociña con despensa de máis de quince metros cadrados, un distribuídor e un acceso á primeira planta.

Estas obras suporán cambios tamén no exterior da escola infantil. O acceso actual do segundo edificio reconverterase en saída de emerxencia, polo que se prevé a construción dun novo para chegar á primeira planta do mesmo, así como modificar a ventá existente baixo a escaleira e substituila por unha porta de características similares ás que xa existen. O feito de pasar de un a dous edificios anexos obrigará a modificar o punto de acceso á parcela, xenerando a construción dunha nova rampa de acceso e unha plataforma horizontal na fronte da edificación. Estes cambios traduciranse en máis espazos de recreo e na adaptación do peche perimetral.