Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO RETOMA CON AFAL FERROLTERRA OS TALLERES DE ESTIMULACIÓN COGNITIVA TRAS O PARÓN POLO COVID

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e a concelleira de Servizos Sociais, Magdalena Pérez Villar, acudiron antonte á apertura dos “Talleres de Estimulación Cognitiva” que o goberno local promove coa colaboración de AFAL Ferrolterra. É unha actividade dirixida a persoas con principios de Alzheimer ou outras demencias ou ben coa sospeita de estar a sufrir algún deterioro cognitivo, que a través deste programa atopan unha fórmula para frear o seu avance e manter durante máis tempo unha mellor calidade de vida. Moreda Gil recordou que hai xa cinco anos que o goberno local apostou por achegar á vila este recurso e poñelo a disposición de veciños e veciñas que precisan esta axuda nun estadio inicial da enfermidade.

Moreda amosou a súa satisfacción do goberno local por poder retomar o programa despois desta pandemia que afectou especialmente ás persoas maiores. Destacou que é a intención do Concello ir recuperando a normalidade e potenciar actividades que favorezan a socialización de todos, especialmente da veciñanza de idade.

A terapeuta de AFAL, Mónica Permuy, expresou a súa alegría por retomar a actividade en Cedeira despois do parón que impuxo a pandemia e recordou que este é un recurso que se ofrece neste municipio de forma continuada. Segundo comentou, os resultados que se consiguen son moi bos no que atinxe a frear o deterioro e mesmo nalgúns casos hai persoas que a través dos talleres recuperan tarefas que tiñan abandonado.

O Taller de Estimulación Cognitiva, que se desenvolve en Servizos Sociais durante dos días á semana -dous horas cada día-, impártese en grupo pero cunha atención individualizada. Neste momento acuden nove persoas, cuxa situación é analizada de xeito individual pola terapeuta de AFAL, coa axuda das famlias, para determinar o estadio da enfermidade e deseñar actividades acaídas para cada unha delas.

Segundo explicou Mónica Permuy, o primeiro é traballar a orientación, tanto temporal como espacial, para pasar despois ao área de psicomotricidad, na que se propón unha serie de exercicios físicos para cada asistente. Na parte de estimulación cognitiva propiamente dita, o taller vai dirixido a traballar a atención, a linguaxe e o cálculo, tanto con fichas escritas como a través de pantallas. Tamén realízanse talleres ocupacionais, nos que a técnica de AFAL trata de propoñer a cada persoas aquelas tarefas que lle gustaban e que habitualmente facía. Por último, a musicoterapia tamén está no programa e aos maiores que participan lles gusta especialmente porque recordan aquelas cancións que adoitaban entoar na súa mocedade.