O Concello retoma a rutina municipal aprobando o organigrama, as delegacións e retribucións

O CONCELLO RETOMA A RUTINA MUNICIPAL APROBANDO O ORGANIGRAMA, AS DELEGACIÓNS E RETRIBUCIÓNS

A corporación municipal de Cedeira celebrou onte o seu primeiro pleno extraordinario do presente mandato. A sesión plenaria que comezou ás cinco da tarde serviu para dar conta do organigrama municipal e para aprobar desde a prioridade dos plenos ata as asignacións económicas que percibirán os cargos e os grupos políticos con representación no Concello cedeirense.

Así, o alcalde, Pablo Moreda Gil, asumirá as concellerías de Urbanismo, Medio Ambiente, Sanidade e Mar, mentres que Manuel Pérez Riola estará ao fronte da de Obras, Medio Rural, Persoal e Seguridade Cidadá. Carmela Prieto Cal será a concelleira de Turismo, Participación Cidadá e Xuventude e Magdalena Pérez Villa, pola súa banda, a persoa que levará os asuntos relacionados con Servizos Sociais e Igualdade. Así mesmo, Jesús Romero Carracelas ocuparase das áreas de Deportes e Praias e Ermitas García Ríos as de Cultura, Ensino e Bens de Interese Cultural. As de Facenda e Servizos Económicos, Ocio e Tempo de Lecer serán responsabilidade de Manuel Martínez López.

A Xunta de Goberno estará integrada por Manuel Pérez Riola, Carmela Prieto Cal, Magdalena Pérez Villas e Jesús Romero Carracelas e presidida polo alcalde. As reunións de carácter ordinario serán os luns, ás 13.45 horas, e terán unha periodicidade quincenal. Seguindo esa mesma orde, os membros da Xunta de Goberno tamén repartiranse as catro tenencias de Alcaldía.

O día 31 do presente mes celebrarase o primeiro dos plenos ordinarios que se sucederán ao longo do presente mandato e que se celebrarán os mércores de cada mes impar.

Pablo Moreda, en calidade de alcalde, presidirá as comisións informativas de Plenos, Urbanismo e a Especial de Contas, nas que o grupo do PSdeG-PSOE terá catro representantes, dous o PP e un o BNG.

En cando ás indemnizacións que percibirán os membros da corporación municipal sen dedicación exclusiva ou parcial, será de 80 euros, por asistencia a sesión da Xunta de Goberno Local e de 60 no caso de tratarse das sesións plenarias e comisións informativas.

O alcalde recibirá un importe anual bruto de 43.400 euros e terá dedicación exclusiva. Tamén haberá outras tres parciais que se repartirán entre Manuel Pérez Riola, Carmela Prieto Cal e Manuel Martínez López. Este último, cunha dedicación do 40%, terá un soldo bruto anual de 13.440 euros, mentres que tanto a retribución de Pérez Riola como a de Prieto Cal alcanzará os 16.800 euros por unha dedicación do 50%. Por outra banda, a concelleira de Cultura, Ensino e Bens de Interese Cultural, Ermitas García Ríos será a representante do Concello nos consellos escolares do CEIP Nicolás del Río, IES Punta Candieira e Escola Infantil, mentres que Pablo Moreda Gil o será na Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e na Rede de Dinamización Lingüística.