Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello repartirá esta semana o boletín As7parroquias que volve á rúa despois do verán

O CONCELLO REPARTIRÁ ESTA SEMANA O BOLETÍN AS7PARROQUIAS QUE VOLVE Á RÚA DESPOIS DO VERÁN

O boletín As7parroquias, que edita o Concello de Cedeira para ter informada a veciñanza, volverá este xoves estar na rúa despois do verán. Por esta razón, na publicación recóllense balances moi exitosos tanto no campo deportivo como no relativo á campaña turística, así como outros moitos asuntos de actualidade.

Durante o tempo estival o municipio acolleu competicións de tríatlon, pádel, fútbol sala e fútbol praia, ao tempo que recibía unha morea de viaxeiros que se achegaron á vila para visitar o castelo da Concepción, o santuario de Santo André de Teixido ou mesmo para tomar parte nas xeorrutas e roteiros promovidos polo Concello dentro da súa oferta turística. Case 7.000 persoas pasaron este verán pola oficina de turismo e xa son máis de 2.000 as que nos últimos tres anos se acercaron á xeoloxía a través das saídas gratuítas, que fan desta riqueza natural un recurso turístico diferencial.

No boletín tamén houbo espazo para explicar os contidos dos orzamentos que se aprobaron no mes de agosto e estarán vixentes ata final de ano, a aposta do goberno municipal para incrementar o número de lámpadas de tecnoloxía LED tanto na zona rural como urbana, así como a licitación da obra que fará do castelo da Concepción o centro interpretativo do xacemento arqueolóxico de Punta Sarridal.